Yosi animou aos ourensáns a gozar da amizade, a música e os libros

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

La Voz

O líder de Los Suaves exerceu de pregoeiro na inauguración da Feira do Libro

30 may 2019 . Actualizado a las 09:34 h.

A Feira do Libro de Ourense celebra os seus trinta e cinco anos de historia e para o acto de inauguración oficial da mesma os libreiros contaron coa presenza de Yosi para exercer como pregoeiro da festa da cultura. Unha participación, a do líder de Los Suaves, que será por partida dobre, xa que o sábado asinará exemplares do seu libro Canciones, algún desliz y dos o tres fotografías -será ás 12.00 horas, na caseta da secretaría da Feira do Libro de Ourense-.

Comezou a súa intervención en modo reivindicativo, demandando que os libreiros paguen menos impostos e que os libros estean subvencionados. Yosi, que se recoñeceu nervioso pola responsabilidade aceptada e polo compromiso de «subir por primera vez a un escenario en cuatro años» -logo do accidente nun concerto que o mantén retirado da música- fixo un percorrido polos seus camiños iniciáticos no universo da letra impresa e pola rúa do Paseo, ao coincidir as dúas circunstancias. Na libraría da Viuda mercaba o que co tempo foi o seu primeiro achegamento ao mundo literario: «Allí compraba los chistes, que entonces no se llamaban cómics ni nada por el estilo. Los había de risa, de guerra y de amor».

A seguinte parada sentimental coincidiu co espazo no que se asentan na actualidade as casetas da feira. E a mesma tivo como escenario un dos referentes do mundo das librarías e da cultura do pasado século na cidade. Na libraría Tanco coñeceu a ese «jesuita comunista, o comunista jesuita que es lo mismo» chamado Antón Tovar. O mozo Yosi mercou un dos poemarios de Tovar e levoullo ao vello revirado para que llo asinase. Estrañado polo feito, o escritor espetoulle: «¡Usted no es de Ourense!».

O músico e escritor animou aos presentes a non perder o tempo escoitando o pregón e a mercar libros nos postos da feira, recoñecendo que el xa lle tiña botado o ollo a un de Carlos Casares que ía levar en canto rematase o seu cometido. Rematou a súa intervención convidando aos ourensáns a gozar da amizade, da música e dos libros.

Universo literario

No acto de inauguración oficial da Feira do Libro de Ourense, que se desenvolverá ata o sábado, o director xeral de Cultura da Xunta centrouse na importancia do sector para a cultura galega. «O traballo dos libreiros vai moito máis alá da semana da feira. Ao longo do todo o ano xogan un papel moi importante porque son unha peza fundamental para a cultura de Galicia e para a cultura en galego». O rexedor municipal, Jesús Vázquez Abad, lembrou que a feira «converte por uns días a rúa do Paseo na maior libraría da cidade» e convidou aos ourensáns a que se deixen aconsellar polos profesionais do sector e que apoien durante todo o ano o comercio local, neste caso as librarías ourensás. Pola súa banda o presidente da Deputación, Rosendo Fernández, lembrou o compromiso da institución provincial co sector e coa cultura en xeral e o presidente dos libreiros, José Manuel García Mosquera, salientou o patrimonio literario da cidade e o legado dos seus autores.

Na inauguración contouse coa actuación de membros da Real Banda de Gaitas da Deputación.

 

Logo da xornada inaugural a Fesira do Libro de Ourense desenvolve un amplo programa de actividades con propostas para todos: dos contacontos en linguaxe de signos á música.

Horario de apertura

Dende as 11.00 horas • As casetas da Feira do Libro de Ourense estarán abertas ao público en horario de mañá e de tarde. De 11.00 a 14.00 y de 18.00 a 22.00 horas.

Cita con Joaquín González Acuña

12.00 horas • Libraría Nobel Ourense • Durante toda a xornada haberá autores asinando as súas obras nos diferentes postos do Paseo. Pola mañá contarase coa presenza de Joaquín González Acuña. Estará na caseta da libraría Nobel Ourense para asinar exemplares de «Los días cortados».

Linguaxe de signos

18.00 e 18.30 horas • O certame anual dos libreiros mantén a aposta pola linguaxe de signos. Pola tarde haberá dúas sesións a cargo de Esther García. A primeira será un contacontos nesta linguaxe e, de seguido, haberá un obradoiro básico sobre a mesma.

Concerto de Vallecillo

19.00 horas • Caseta de Secretar ía (sinatura) • Luís Vallecillo ofrecerá un concerto-presentación da obra «Cantamos», editada por Guindastre Edicións. Logo da actuación haberá sinatura da obra na caseta da Secretaría da feira.

Varios autores para asinar

19.00 e 20.00 horas • Librarías Pedreira e Nobel • Tres citas, con outros tantos autores, están fixadas para este tramo horario. Ás 19.00 horas asina María Eiras exemplares de «As nosas letras de muller a muller» -Pedreira-e Lizzie Quintas estará na caseta de Nobel. Neste mesmo espazo estará, ás 20.00 horas, Cristina Ferro para adicar as súas obras.

Presentación

20.00 horas • O programa péchase coa presentación de «El legado de la Salamandra», de Dossy Domaher.