«Tivemos a capacidade de sacar ao PSOE dese túnel de pactar con Jácome»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O candidato de Ourense en Común, Vázquez Mato, propón unha «revolución verde» para cambiar a mobilidade na cidade

19 may 2019 . Actualizado a las 07:35 h.

As enquisas prognostican un baixón en apoios ás mareas de toda Galicia. Ese espazo político está representado na cidade por Ourense en Común e o seu candidato á alcaldía é Martiño Xosé Vázquez Mato (Ourense, 1983).

-¿Foi flor dun día a irrupción deste espazo político?

-As enquisas son totalmente respectables, pero no ano 2015 dábanlle a Marea Atlántica cinco concelleiros e acabaron gobernando. Unha análise política como esa non se debe facer en base a enquisas senón a partir do 27 de maio. A partir de aí será interesante facer ese tipo de valoracións como tamén do impacto que tiveron procesos supramunicipais no local.

-Arrepíntese de non ter chegado a un acordo con Podemos e Esquerda Unida?

-Ourense en Común segue apostando pola mesma fórmula que no ano 2015, que na nosa opinión é a única fórmula para arrebatarlle o poder ao PP. 2015 foi a proba evidente gañándose as alcaldías de Santiago, A Coruña e Ferrol e despois convertendo a ese espazo na segunda forza política do país. Se algo se moveu non foi Ourense en Común e, de feito, aínda que Podemos non estea, Ourense en Común é o único espazo a escala local que aglutina varios partidos políticos e ao mesmo tempo ao tecido social e activista da cidade.

-Vostede chegou a ofrecerlle a Podemos o número dos da candidatura, pero finalmente non foi así. Por que?

-Eu só podo dicir que fixéronse todos os esforzos posibles para que Podemos estivera neste espazo, pero o proxecto político vai moito máis alá e ten que estar por riba todo, de min mesmo tamén. Ourense en Común é un proxecto colectivo que ten vocación de continuidade pase o que pase nas eleccións. E hai unha grande diferenza entre o proxecto político de Ourense en Común e o de Podemos: que Ourense en Común si é de Ourense e si coñece os problemas de Ourense. Penso que houbo un repregue partidario a posturas previas ao 2015, non só aquí, e creo que é un erro.

-Que foi o que máis lle sorprendeu da realidade da política municipal?

-Unha das cousas que máis me sorprenderon é que temos a cidade no estado no que está porque a veciñanza non se empodera e dá un golpe enriba da mesa para cambiar esta cidade. O Concello ten unha gran capacidade para transformar as cousas, pero o que non hai é vontade, capacidade e dilixencia por parte daqueles que teñen que firmar os decretos. Sorprendeume moitísimo a capacidade que temos e o mal que a estamos empregando.

-O alcalde culpa a oposición.

-Tiveron catro anos para facer millóns de cousas que non necesitan nin sequera o respaldo da oposición. O goberno tiña capacidade suficiente para reconfigurar, por exemplo, o tráfico da cidade. Ademais, tiveron tres anos para presentar uns orzamentos e so presentaron uns que eran ilegais e podían aprobalos cunha moción de confianza, pero non o fixeron. Cando o mal estudante suspende a culpa é do profesor, ¿non? Nós facemos autocrítica, pero eramos 3 de 27 e non decantabamos a balanza cara un lado nin cara o outro.

-Por iso non apoiaron a moción de censura proposta por Jácome?

-Díxeno no último pleno porque quería que constase en acta. Ourense en Común deu un paso moi valente intentando marcar a axenda coa moción de censura. Non sendo determinantes, a solución máis cómoda era poñernos de perfil e ver como se mataban o PSOE e DO entre eles e nós quedariamos como unha oposición responsable. Pero decidimos dar un paso adiante e traccionar ao PSOE a posicións de progreso. Eu creo que tivemos a capacidade de sacar ao PSOE dese túnel de pactar con Jácome. ¿Por que non saíu a moción de censura? Porque non había unha maioría alternativa de progreso.

-E, sen embargo, vostede sostén que o actual candidato socialista si pactará con Jácome.

-É unha realidade. Pregunteillo a Villarino en moitas ocasións porque neste escenario político, con quince candidaturas, entendo que o electorado quere saber con quen vas a pactar. No debate da TVG Jácome xa llo dixo: «Yo me reuní contigo en un piso de un concejal». É dicir, xa hai un pacto e por iso avisamos aos votantes do PSOE que se vaian preparando para ver a Jácome como tenente de alcalde. Nós entendemos que calquera persoa que vote en clave de progreso non o vería moi ben, igual que non verían ben que pactase con Vox. Con Barquero era clarísimo que non ía haber un pacto con DO e agora parece ser que si. E Jácome xa lle puxo nome, «o pacto do pisito».

-Se Ourense en Común puidese influír no goberno, ¿cal sería a súa prioridade a partir do 27M?

-O 27M se Ourense en Común ten capacidade o primeiro e inmediato é unha revolución verde en Ourense. Iso pódese facer de forma inmediata porque non son necesarias grandes obras, esas virán despois. A reorganización do tráfico e pacificación da cidade é urxente. Despois habería actuacións prioritarias que requiren de máis tempo, como a transformación da política fiscal do Concello para que sexa progresiva. E na área social, non pode ser que, por exemplo, o Concello teña listas de espera en becas de comedor ou material escolar cando en cidades máis pequenas como Compostela multiplicouse por tres ese financiamento.