Desconectar para conectar

marta penas 1 MES 1 COMPROMISO

OURENSE CIUDAD

rober amado

Sustinea reflexiona sobre a evolución da comunicación entre os seres humanos

09 abr 2019 . Actualizado a las 08:39 h.

Co paso do tempo os lavadoiros, as tabernas, as prazas, o monte, o xornal fresco e as casas das veciñas foron mudando. O espazo público cada vez máis privatizado e o espazo privado cada vez máis irascible á visita externa. As esquinas das aldeas que antes envolvían verbas, contos e lendas a todo vento, agora están cada vez máis mudas, máis baleiras. A comunicación é algo inherente ao ser humano dende os seus inicios, evolucionando e transformándose co paso do tempo, dende os sinais ata hoxe coas mesmas redes sociais. Un gran invento co que podes comunicarte de maneira instantánea con persoas arredor de todo o mundo, co que podes acceder a toda fonte de información en calquera momento e co que podes organizarte eficaz e rapidamente por grupos virtuais. ¿É esta tecnoloxía un gran avance evolutivo ou un gran retroceso social? ¿Onde está o equilibrio?

Este fenómeno fainos sentir mais preto do que está lonxe, e máis lonxe do que está perto. Un factor máis que nos alonxa do noso presente e fainos somerxer en realidades paralelas virtuais. Como todo cunha perspectiva sistémica, o abuso das redes ten consecuencias multidimensionais para todas as idades e para todo o planeta: a nivel ambiental o gasto enerxético desmesurado 24 horas, a cantidade de material extraído e desbotable para manter o nivel de consumo existente. A nivel saúde mental, física e emocional, cada vez son maiores os índices de ansiedade e depresión cuns niveis de illamento e peche cada vez máis notorio entre a poboación, sendo o uso das tecnoloxías unha das adiccións a tratar neste século XXI.

A nivel social destaca unha frialdade virtual extrema, faltas de respecto máis acentuadas, traballo deslocalizado, novas xeracións con maiores dificultades na xestión das súas emocións, dependencia dos «me gusta», obsesión por contestacións inmediatas, celos, inseguridades, etcétera. Sen pararme a falar dos abusos sexuais, o «ciberbullying» e todo o que isto conleva.

En Laos vivín durante uns meses cunha comunidade rural na que ninguén tiña un móbil nin había televisión. Tiven o privilexio de vivir en primeira persoa cousas que sempre me contaban os meus pais, a miña avoa e as nosas persoas maiores, contos de antano que saen das súas entrañas cuns ollos ben brillantes dos que se desprende chispas. Xa puiden comprender o por que, nenos e nenas correndo ceibes, emporcados, familias extensas cociñando, celebrando, limpando... todas xuntas, bosques nativos ao carón das súas casas, ríos nos que bañarse sen preocupación. Subdesenvoltos chamábanlles, felices os vía eu.

Sen embargo, foi en Camboia onde experimentei o lado realmente cru da globalización: pobos sen auga potable, preferindo ter smartphones que auga de calidade. Un fenómeno que ocorre paralelamente en moitos países do Sul. Este consumo desmedido da tecnoloxía non só afecta a nosa calidade de vida, se non á vida en xeral e a calidade dos nosos ecosistemas.

Será que o ser humano, unha vez mais, neste progreso infinito, precisa pararse e reflexionar, onde está a balanza e se a dirección que estamos tomando é a correcta. Non queremos minas en Galiza, nin vertedoiros contaminantes, pero seguimos consumindo a un ritmo desmedido e desafiante cos propios ritmos da Natureza. Neste sistema lineal saqueamos e extraemos os recursos naturais de países do sul para manter a calidade de vida occidental, desbotamos residuos e creamos illas de lixo en océanos.

Contemplamos cada vez máis evidente o quecemento global a todos os niveis e o pico do petróleo, pero o mesmo tempo esiximos mais. Queremos mais comodidades para ter mais tempo e o mesmo tempo malgastamos o noso tempo. As redes sociais axudan a que nos informemos e indignemos profundamente a aos dous segundos esteamos a rir con outro vídeo que pasa aleatoriamente. Estamos sobrestimulados e iso ralentiza a nosa capacidade de reacción. Un gran reto da humanidade é a xestión do seu tempo, só así aprenderemos a ser mais sostibles. ¿Será que algún día aprenderemos o valor do equilibrio? ¿Será que poderemos finalmente crear unha economía circular na que só se fabriquen produtos reutilizables? ¿Será que poderemos vivir de maneira máis

ética consumindo mais responsablemente a todos os niveis? ¿Será que aprenderemos a relacionarnos finalmente de maneira sana entre nós e con nós?

Todo está interconectado, a calidade das nosas relacións inter e intrapersoais coas nosas relacións co entorno e coa natureza. A profunda desconexión da natureza bate na desconexión con nós mesmas e coa comunidade, formamos unha unicidade con diferenzas pero cunha capacidade innata de cooperar. Con este artigo, queremos invitarvos a pasar alomenos un día sen internet e comprobar como son as nosas relacións físicas durante ese día. Queremos invitar a comprobar como afectan as redes sociais a nosa xestión do tempo e na calidade das nosas relacións, canto o usamos e canta enerxía necesitamos para o seu uso. Queremos ver o lado positivo das redes e aprender a utilizalas ben. Invitamos a desconectar o móbil ou ordenador por un momento e dar un paseo polo bosque, respirar e reiniciar.

En Ourense existen ofertas educativas para aprender a utilizar e xestionar as redes sociais, ou obradoiros sobre o uso seguro de Internet, as cales son realmente importantes. Pero séguennos faltando cousas. En Ourense necesitamos propostas estruturadas e transversais sobre educación emocional no mundo das TICs, para nenos e nenas, adolescentes, adultos, pais, nais, ao profesorado no seu conxunto. Precisamos ferramentas para aprender a xestionar este fenómeno que se nos presenta devastador, pois as consecuencias emocionais e sociais das novas xeracións comezan a ser latentes e canto mais tardemos en reaccionar, maior será o dano. Seguen sendo esperanzador o prato quente das incondicionais acollidas das avoas, as eternas sobremesas en familia, as conversas camiñando pola natureza, as prazas que escoitan, o deporte san, arranxando o mundo nos bares, nas rúas, nas casas, e todas esas persoas que pouco a pouco se van organizando para voltar a vivir en común unidade, utilizando as redes sen ser presa delas.

Quen somos?

Sustinea é unha asociación medioambiental que traballa en prol ao desenvolvemento sostible. Traballan en proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levan a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental a campos de traballo ou campañas de sensibilización.

Máis información www.sustinea.com