Ourense: Rebulir e José Antonio Viñas, premiados co Rodolo Prada
O galardón á xestión cultural distingue ao Agrocuir da Ulloa
ourense / la voz
A Deputación de Ourense creou hai uns anos o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, un galardón que ten como obxectivo manter viva a memoria do galeguista e dinamizador social de Os Peares -amigo e albacea de Castelao- e recoñecer as iniciativas que se distinguen no día a día na dinamización e xestión cultural. Os membros do xurado encargados de conceder os premios xuntáronse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, baixo a presidencia de Rosendo Fernández, e acordaron dar os Rodolfo Prada 2019 ao Festival Agrocuir da Ulloa, o Festival Internacional Rebulir e a José Antonio Viñas, director do grupo Queixumes dos Pinos. En conxunto, os distinguidos repartiranse 6.000 euros.
O galardón aos proxectos vencellados á Asociación Galega de Profesionais Culturais foi para o proxecto do Agrocuir da Ulloa e os 3.000 euros da dotación do premio serán destinados, como se recolle nas bases do mesmo, a financiar o seu próximo proxecto. Os 2.000 euros do apartado dirixido a persoas voluntarias ou grupos afeccionados, categoría na que se recoñeceu o proxecto Rebulir, serán aportados pola Deputación para novas iniciativas do colectivo de Ramirás. No premio personal, o de José Antonio Viñas, os 1.000 euros serán empregados nunha acción formativa a elexir polo galardoado. Os Rodolfo Prada entregaranse o vindeiro sábado, día 6, no marco da celebración do ICC Week.
Comentarios