Hipocrisía de mala calidade

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

31 mar 2019 . Actualizado a las 09:00 h.

Son tempos en que dixerir determinados discursos políticos non é sinxelo, doe ao tragar, pero debemos preguntarnos se preferimos o amargo da verdade, a dozura da mentira, ou o sinsabor da hipocrisía. Si, hai verdades que doen. Doe que queiran gobernar as conciencias das mulleres, que comparen con neandertales ás que deciden libremente abortar, ou que nos digan que se queremos o fagamos fóra, escondidas, presas e culpables da nosa decisión máis dura, íntima, e persoal; cabrea escoitar que hai moitas denuncias falsas , cando sabes que no que vai de ano a violencia machista se levou por diante no noso país a vida de trece mulleres; resulta insoportable ver que unha política se poña nun atril para chamar a loita pola igualdade, «ideoloxia de xénero», para criticar precisamente ás que posibilitaron que co seu esforzo e tesón que ocupemos un espazo político que aínda que insuficiente, era impensable non hai moito. Pero a pregunta é clara, prefires que che mintan? Prefires esa dimensión moito máis dura, escura e peliaguda que a propia verdade, a hipocrisía? Esa falla de honestidade moi sibilina, aí onde un esconde a propia personalidade mentres se exhibe unha nobreza moral intachable. Nada hai máis perverso e pervertido. Non só porque ofrecen esperanza e proporcionan decepción, senón porque lonxe de sustentar a súa promesa na realidade, esta sostense sobre unha farsa da autenticidade, coa que tratan de facela máis dixerible.

Se me dan a escoller prefiro a realidade, a verdade, aínda que non me guste, e as veces ata me de noxo. Prefiro que se realmente era o que pensaba, a concelleira de igualdade de Ourense dixera o ano pasado no pleno no que se debateu o apoio do Concello á pola folga feminista do 8 M, que «era unha chamada ao enfrontamento, ao odio entre homes e mulleres», e que «a impulsaba un grupo político con países onde se leva burka», a vela manifestándose no 8 M deste ano por algo no que non cre. Prefiro, ao igual que os concelleiros e concelleiras socialistas de Ourense, non agarrar unha pancarta contra a violencia machista xunto a quen retalla programas municipais de igualdade, e se sobe no cabalo dun Abascal armado que encarna a ese home do pasado que xa non existe pero que loita por seguir existindo. En definitiva, escollo estar o máis alonxada posible de quen ten nunha man a pedra, e na outra o pan, porque como dicía Bertolt Brecht, «cando a hipocrisía comeza a ser de moi mala calidade, é mellor comezar a dicir a verdade».