«A paisaxe que traspasa o meu libro é a paisaxe de Vilarmao»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Olga Novo coa súa filla Lúa xunto ao tractor que pertenceu ao seu pai, decorado coa figura dun tigre. Tanto a nena como o tractor teñen unha ampla presenza no novo libro da escritora
Olga Novo coa súa filla Lúa xunto ao tractor que pertenceu ao seu pai, decorado coa figura dun tigre. Tanto a nena como o tractor teñen unha ampla presenza no novo libro da escritora CEDIDA

Olga Novo presentará o sábado na Pobra do Brollón o poemario «Feliz idade», moi vinculado ás súas experiencias recentes

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Cultura da Pobra do Brollón acollerá o sábado -ás 20.30 horas- a presentación de Feliz idade, o novo libro da poeta e escritora Olga Novo, natural de Vilarmao. O acto comprenderá un recital de poemas no que participarán a xove poeta Noa Moreira e un grupo de alumnos do colexio público local.

-¿Que significado lle dá ao título do libro?

-Fala ao mesmo tempo dunha idade feliz e da idea de felicidade concebida como a presenza dos seres que amamos. Comecei a escribir este libro hai máis ou menos sete anos, a raíz da concepción e do nacemento da miña filla. Esa mesma época en que ela estaba nacendo e medrando coincidiu cos últimos anos do meu pai, que enfermou de alzhéimer e perdeu o uso da linguaxe, aínda que non a memoria. A pesar do seu declive tivo tempo de esta coa súa neta. Esas experiencias forman o corazón do libro, que xira en torno á existencia como un ciclo no que se integran a vida e a morte. É un canto ao futuro que enlaza co pasado.

-¿Que posición cre que ocupa en relación co conxunto da súa obra literaria?

-É un libro moi vivido, moi intenso, que obedece a esa fase vital. Non é algo que podería escribir cando tiña vinte anos. É a obra que pode escribir unha muller de corenta anos, unha muller adulta cunha certa experiencia da vida. Non se trata dunha impostura ou un exercicio formal, senón algo escrito directamente desde a vida.

-¿Que importancia ten nesta obra a súa terra natal?

-Ten sen dúbida moitísima importancia, porque a paisaxe que trasapasa todo libro é esa paisaxe natal, é o horizonte que se contempla desde Vilarmao. O libro é tamén un canto ao mundo rural e unha elexía pola súa desaparición, aínda ten un ton optimista e vitalista. A través dunha nova vida, como a da miña filla, estes poemas son un intento de loitar contra o loito antropolóxico.

-Na obra hai alusións a outros escritores, como un poema que recrea o que escribiu Curros Enríquez con motivo da chegada a Ourense da primeira locomotora.

-Detrás dese poema hai unha historia familiar, porque un tataravó meu traballou na construción do túnel da Frieira, que permitiu que o ferrocarril chegase a Ourense. No libro hai moitas citas explícitas e implícitas doutros escritores, porque eles tamén son moi importantes na miña vida e na miña maneira de ver o mundo, e ademais penso que non debemos esconder aos nosos mestres.