Isabel Salgado: «Segue sendo un referente como espazo de liberdade»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Asumiu o reto de non deixar morrer a entidade. Viviu tempos duros, co desaloxo da sede histórica, o paso esporádico por un local dunhas galerías do Progreso e a tensa tranquilidade dun destino provisional nas instalacións do Club de Tenis. Da avenida da Habana a sociedade pasou, sempre coa provisionalidade como bandeira, ao Centro Cultural Marcos Valcárcel. E aí segue Isabel Salgado, loitando co seu equipo para que o Ateneo de Ourense non entre a formar parte da historia como elemento da lembranza.

-Dende o medio século de vida como se albisca o futuro?

-Sempre con moita esperanza. Non nos podemos deixar levar. O futuro xa veremos o que nos trae; agora o importante é ir vivindo o día a día, desenvolver as nosas actividades e os nosos proxectos e agardar para que os trámites sigan adiante e se atope unha solución.

-Pasa esta por contar con espazo no edificio da rúa Concello?

-No seu momento esa foi a proposta e agardemos que os trámites se vaian desenvolvendo segundo o previsto. Aínda así está claro que non é algo para xa, porque aínda non hai data fixa para o traslado da Biblioteca, co cal non semella que haxa un horizonte temporal definido.

-Dá resposta a actual situación ás necesidades?

-Nós estamos moi agradecidos pola oportunidade que se nos deu dende a Deputación para poder estar provisionalmente no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Aquí temos todas as facilidades para desenvolver as nosas actividades. Podes ter algún condicionante, como o non ter vida orgánica, ou derivar algunha exposición ou proxecto, como o caso da mostra Falando en prata, pero arranxamos.

-Logo de medio século cal é o sentido da sociedade?

-O Ateneo de Ourense segue sendo un referente como espazo de liberdade. Os tempos mudaron e xa non eran as inquedanzas da etapa da transición ou das grandes movilizacións, é certo, pero as reivindicación seguen existindo e nós sempre estamos nesa dinámica para apoiar as demandas da sociedade ourensá.