«Nalgúns casos a cirurxía achega ao paciente máis riscos que beneficios»

Unha investigación axuda a decidir se é recomendable operar fracturas de ombreiro


ourense / la voz

A revista Science Direct publicou un estudo científico que achega unha nova clave para que os especialistas valoren a idoneidade de someter a un paciente con fractura de ombreiro, en concreto de úmero proximal, a una intervención cirúrxica. O traballo, que se baseou na aplicación do denominado Índice de Comorbilidad de Charlson (ICC) para clasificar os pacientes, está firmado por Xavier Paredes, Jesús Vidal, Fernando Marco e Belén Cortiñas, quen encabezou o equipo. O estudo contou coa colaboración do Complexo Hospitalario de Ourense e da Universidad Complutense de Madrid.

-Como xurdiu a idea de facer este estudo?

-Porque en Ourense temos un gran volume de fracturas de ombreiro e tamén moita xente maior. Preocupábamos a efectividade real desas intervencións, porque moitas veces non sabemos que foi deses pacientes cando deixamos de velos en consulta. Pensamos que debiamos revisar a evolución para ver se realmente a operación serviu para mellorar a súa calidade de vida ou non. Decidimos analizar casos dende catro anos atrás, e ver tanto os que se operaron como os que non se operaron. Analizamos 349 pacientes do CHUO.

-Qué é o índice Charlson?

-É unha catalogación que se describiu inicialmente para pacientes con enfermidades médicas e utilízase máis en oncoloxía, pero non é habitual usala en pacientes cirúrxicos. O que define este índice, por dicilo dun xeito moi sinxelo, é a gravidade que ten un paciente, a probabilidade que ten de morrer nos vindeiros anos. Faino analizando moitos parámetros, entre eles as patoloxías que teña e a idade. Alguén cun Charlson 20 ten un risco máis certo de morte nun número concreto de anos que un que estea no nivel cinco.

-Por que decidiron que podía aplicarse para definir a oportunidade de operar estas fracturas?

-A fractura de ombreiro é moi parecida á de cadeira, en canto a que afecta especialmente a pacientes de idade, con osteoporose, porque son roturas por fraxilidade. No caso da cadeira hai estudios dabondo e evidencia científica sobrada de que se non se opera, morre antes. Pero non había evidencia científica sobre qué pasa co ombreiro.

-E a qué conclusións chegaron?

-Basicamente que, ademais de saber que para un tipo de fractura se fai unha intervención ou outra, deberiamos ter en conta a fraxilidade do paciente, porque nalgúns casos a cirurxía achega ao paciente máis riscos que beneficios. Unha das cousas que presentamos no segundo artigo que publicaremos do estudo é que aqueles que teñen un Charlson de máis de cinco non se deberían operar porque teñen unha mortalidade tres veces maior ca se non se operan. É o contrario do que pasa coas fracturas de cadeira, onde hai unha evidencia científica moi clara de que se non o operas a mortalidade é maior.

-Cal é a diferenza entre ambas?

-A marxe do estrés da intervención, que no caso do ombreiro faise con anestesia xeral; a un paciente de cadeira que non se opera non o podes sentar: hai que encamalo. E iso é un factor que acelera o deterioro. Un paciente de ombreiro está perfectamente sentado e, aínda que non se opere, vai poder facer certos movementos, como por exemplo o necesario para comer por si mesmo. O que hai que valorar é se realmente o que lle imos proporcionar a ese paciente vai supoñer unha mellora na súa calidade de vida. Obviamente hai fracturas que se operan sempre, salvo que o paciente estea xa moi mal.

-Poderíaselle negar a intervención a un paciente maior?

-Non. O paciente sempre é quen ten a última palabra, o que ten que tomar a decisión; pero canta máis información teña para decidir, mellor. Esta é unha ferramenta máis que nos axuda a ver a idoneidade da intervención e transmitila ao paciente. De tódolos xeitos non falamos só de idade cronolóxica, do día que naciches. Hai pacientes maiores que son menos fráxiles que outros máis novos pero máis deteriorados. Hai doce parámetros que se teñen en conta. Ter o ácido úrico alto non afecta tanto coma se, por exemplo, tiveches unha leucemia hai dous anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Nalgúns casos a cirurxía achega ao paciente máis riscos que beneficios»