«Rosalía é unha inspiración permanente»

María OURENSE

OURENSE CIUDAD

Miguel Muñiz

A artista galega interpreta hoxe no Auditorio, o repertorio «Rosalía Pequeniña», xunto a Sergio Tannus e Héctor Lorenzo

24 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Sanguiñeda, un pequeno pobo pertencente á localidade pontevedresa de Mos, e afirma que a cultura e a tradición galegas correron sempre polas súas veas. A cantante Uxía regresa a Ourense no día do aniversario de Rosalía, precisamente para festexar todo o que a poetisa nos regalou coa súa obra.

Acompañada dos músicos Héctor Lorenzo e Sergio Tannus, retomarán un proxecto de fai anos, «Rosalía Pequeniña». Apoiándose na música coma hilo condutor, acercarán a poesía de Rosalía aos máis cativos da casa. O espetáculo comeza ás 18.00 horas na sala principal do Auditorio Municipal.

Cunha entrada de balde, familias, nenos e adultos están convidados a gozar de máis dunha hora repleta de música, baile, cante, risas e moitas sorpresas. Uxía realiza unha homenaxe a Rosalía, dende a súa perspectiva coma cantante e promotora da cultura galega, tras anos de afondar nas lecturas e relecturas dos poemas da de Padrón.

-¿Que é «Rosalía Pequeniña»?

-Trátase dun repertorio que xa presentaramos hai tempo na Feira do Libro de Ourense, pero é un repertorio vixente, igual que o é a poesía de Rosalía. Interpretaremos eses temas que pretenden retratar a unha Rosalía pequena, imaxinando como sería cando era cativa. Unha nena rebelde, rebuldeira e, en certo modo, revolucionaria, que se atreveu a escribir no século XIX e que defendeu a nosa identidade escribindo en galego, na nosa lingua. «Rosalía Pequeniña» é unha das pezas que fixen para este disco, a letra está inspirada nun limiar de Begoña Caamaño o que lle engadín música.

-¿Que imos encontrar durante o concerto?

-Queremos dar un retrato de Rosalía pensado un pouco para público familiar, para que os peques tamén coñezan a versión máis lúdica de Rosalía. Queremos mostrar unha parte máis alegre e máis divertida da súa produción, porque tamén tiña moito humor. O espectáculo pretende que o público o pase ben e descubra á Rosalía máis cercana, desacralizando a súa figura, con ánimo lúdico e moi participativo, é un repertorio co que pretendemos que a xente tamén cante con nós, nun concerto moi próximo con dous músicos excelentes, Sergio Tannus e Héctor Lorenzo.

-¿Cre que o que se estuda nos colexios sobre Rosalía é dabondo?

-Creo que é inabarcable toda a súa obra e a profundidade que ten, coas diferentes lecturas que pode ter, por tanto penso que nunca é suficiente. Cónstame que se traballa nas escolas, que ao redor do día 24 hai moitísimas celebracións e moitas actividades durante toda a semana. Pero para coñecer a dimensión extraordinaria da figura de Rosalía fai falta máis.

-¿Que destaca de Rosalía no seu disco?

-A mín o que máis me interesa destacar é a actualidade absoluta dos seus versos e a vixencia da súa mensaxe. En certo modo reivindícase como muller, como muller galega e faino dun xeito maxistral, con versos tan profundos e tan sentidos. Tamén son versos populares porque todo o mundo se identifica con ela, creo que non hai ningunha figura comparable exceptuando a Castelao. Rosalía tiña unha musicalidade enorme. Moita xente non sabe que tocaba a guitarra e a arpa. Estas facetas son as que me inspiraron á hora de compor «Rosalía Pequeniña». Eu compuxen a totalidade dos temas de este disco, agás unha adaptación dun poema de Curros Enriquez dedicado a Rosalía. Fixemos ritmos moi diferentes, dende rock a ritmos nosos como a muñeira. Rosalía é moi actual e cada vez que a volvo ler me sorprende e me segue alentando para escribir. É unha inspiración permanente.