«Os nosos alumnos serán axentes transmisores de igualdade»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O centro de Formación Profesional Portovello ten un observaroiro da convivencia no que traballan xuntos profesores e escolares

23 feb 2019 . Actualizado a las 19:59 h.

O Centro Intergrado de Formación Profesional Portovello recibirá este ano o premio Clara Campoamor á igualdade, do Concello de Ourense, polo seu traballo neste campo. A orixe desa traxectoria está no Observatorio de Convivencia que funciona neste centro educativo e que está integrado por un grupo de profesores e alumnos que traballan en varias liñas tanto para mellorar a interrelación das persoas na comunidade educativa, como para lograr que os que hoxe se forman nas distintas ramas profesionais asuman e interioricen os conceptos de respecto e integración entre persoas para poder trasladalos á sociedade do futuro.

A igualdade de xénero é un dos piares do proxecto deste observatorio, que naceu froito dun plan elaborado hai xa case nove anos. «Traballando en igualdade levamos máis tempo, porque xa antes se organizaban actividades por parte do profesorado porque é algo que nos parece necesario e cremos neso», aclara a vicedirectora do centro, Eva Álvarez González. Contan que a incorporación activa do alumnado, tamén no ano 2011, a través dun grupo chamado Moraima, foi outro dos puntais da nova forma de traballar ese aspecto da igualdade de forma máis coordinada e transversal. «Cando fixemos o plan pensamos que tiñamos que traballar dándolle maior importancia a estes temas, incluso asignando recursos, tanto a nivel de tempo do horario do profesorado, como en persoas para facer un equipo co que poder ter continuidade e progresar no traballo; e dividímonos en dous eixos: o da mediación e o da igualdade», matiza Eva Álvarez.

En concreto, no referente o tema de xénero, o grupo de profesores que forma parte do proxecto, xa establece o traballo como actividades de aula. «Hai algúns ciclos, como os de educación infantil, por exemplo, nos que xa se empeza a traballar con este plan de igualdade dende os primeiros cursos, co que temos máis tempo, máis anos, para desenvolver o programa». Esas actividades poden integrarse tanto no horario lectivo do alumnado, como tempo de recreos, por exemplo.

Aínda que o plan de igualdade non se aplica só á formación profesional da rama social e tamén se organizan actividades no resto das que se imparten neste centro «o nosos alumnos, especialmente da familia de servizos, van a ser axentes moi importantes para trasladar á sociedade esa educación en igualdade que reciben agora porque eles van a traballar con persoas, con maiores, con menores... É fundamental formalos neste aspecto porque van a ser o eixo transmisor», insiste Eva Álvarez.

Segundo o equipo que traballa no proxecto, o encaixe desta especie de formación non reglada entre o alumnado, está resultando moi positiva. «Hai persoas que cando chegan ó grupo, fálaslle de igualdade e ao mellor non lles di moito e, sen embargo, acaban moi involucrados e crendo realmente no que fan». O proxecto vai tamén máis alá do propio centro. «Colaboramos tamén activamente con programas xerados por outros colectivos ou institucións, dende os da propia Consellería de Educación ou o do Concello de Ourense, senón con entidades que ofrecen servizos á comunidade ou asociacións como APES o centro Trama, entre outros», relata a coordinadora. Pero ademais o plan fomenta que o traballo en igualdade se filtre a través de outras áreas, incluíndo a da expresión artística e o ocio. Unha iniciativa que deu moi bo resultado neste aspecto foi a da creación de curtametraxes que despois se proxectaron en colaboración co cineclube ourensán. Agora teñen en marcha en colaboración coa entidade viguesa Koremi e coa financiación do Concello de Ourense, a creación de cancións de rap con esta mesma temática.