«Sempre pensei que na historia de Ourense tiña que haber mulleres»

O próximo día 8 de marzo recibirá o premio Clara Campoamor da igualdade


OURENSE / LA VOZ

Sendo como é unha ourensá profundamente namorada da súa terra, e tendo como ten unha inquedanza innata e insaciable por saber é coñecer, enténdese que enfocase a súa labor investigadora á historia máis próxima. Pero o afán de Rosa María Cid Galante ten outro matiz: leva máis de 25 anos mergullándose en tódalas fontes imaxinables para sacar á luz a vida e milagres -en moitos casos as traxectorias que desenterra son case heroicas- de mulleres ourensás que, dun xeito ou doutro, deixaron a sua pegada; algunhas incluso con repercusión internacional. O froito do seu traballo pódese ver no blog Historia das nosas mulleres ourensás, un traballo que segue crecendo cada día pese a que xa suma 700 protagonistas. O seu esforzo por dar visibilidade a estas mulleres terá compensación o 8 de marzo, cando recibirá o premio Clara Campoamor á igualdade, que outorga o Concello de Ourense e que, nesta edición, compartirá co Centro Integrado de Formación Profesional Portovello.

-¿Como lle sentou a elección?

-Non sabía nada e, como son de traballar moito ás caladas, chocoume. Non me esperaba para nada este recoñecemento. Sorprendeume moito a chamada dende a Concellería de Igualdade para comunicarmo porque nin sequera sabía que estaba nominada, e sigo sen saber quén me propuxo. Chegoume á alma, quedei sen palabras, de verdade; e estou moi contenta, aínda que irei un pouco nerviosa ese día.

-¿Gustaríalle que servise para difundir máis esas historias de mulleres que vostede desvelou?

-Sería un soño. Eu dou clase de historia e doume conta de que nos libros non se mencionan ás mulleres. Sería unha forma de que nas novas xeracións empezase a prender que non só hai homes importantes na historia; e encima na historia local. Eu son moi de Ourense e penso que para amar unha cidade, e non so para vivir nela, hai que coñecer a súa historia e os nomes que a fixeron.

-¿Por que empezou esa investigación?

-Sempre quixen resolver o enigma de cales eran as mulleres de Ourense tiveran tamén os seus logros. Cando falamos de mulleres senlleiras sempre estamos pensando ó grande: Simone de Beauvoir, Marie Curie... Aínda que somos unha cidade pequena, sempre pensei que tiña que haber mulleres que tamén deixaron a súa impronta na historia. E vaia se saíron, aínda que custou ir descubrindo, pescudando minuciosamente nas fontes, porque os historiadores tradicionalmente non lle daban relevancia.

-¿Cal é a razón desa eiva?

-Inflúe que a propia sociedade, ata tempos ben recentes, limitaba a proxección pública da muller con aspectos como a limitación de acceso á niveles educativos elevados, sobre todo a enfocada ó desenrolo profesional, porque nas clases altas si que se lles daba uns certos estudos de adorno. Pero, a pesares deso, existiron moitas máis que deixaron a sua impronta na historia das que se coñecen, entre outras cousas porque noutros tempos ós historiadores varóns tampouco lles interesaba poñer o foco na muller; socialmente considerábanse irrelevantes, a pesares de que foron parte activa en moitos feitos históricos. Tamén era unha maneira de sometemento. Por iso considero importante que sexamos as mulleres historiadoras fagamos esa labor e reivindiquemos con xustiza o papel da muller na historia.

-¿Aínda lle quedan mulleres por incorporar ó blog ou xa as ten todas?

-Para nada. Aínda quedan bastantes pendentes, algunhas nas que estou traballando, que están en borrador, e outras que seguirán chegando; porque é certo que este é un blog de todos. Hai moita xente que me chama para darme pistas e tamén moitos comentarios que escriben no blog que son, aparte de moi bonitos, tamén moi interesantes para completar incluso esas biografías que xa están ahí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Sempre pensei que na historia de Ourense tiña que haber mulleres»