Identificarse co galego desde o berce

E. Filgueira

OURENSE CIUDAD

Santi Amil

O Centro interxeracional da Farixa celebrou o Día Internacional da Lingua Materna entre cativos, disfraces, cancións e diferentes xogos na lingua nai que nos distingue

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de promover as linguas maternas e a diversidade cultural, a Unesco -Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura- aprobou, na súa conferencia xeral de 1999, a petición de Bangladés de celebrar o Día Internacional da Lingua Materna cada 21 de febreiro. Da necesidade -segundo os datos da organización, cada dúas semanas desaparece unha lingua de media- fíxose virtude e cada vez son máis os países que se suman á iniciativa e sacan peito da súa forma de expresarse e comunicarse co mundo.

En Ourense a xornada viviuse cunha dobre celebración no Centro Interxeracional da Farixa: os máis pequenos disfrazáronse -para ir quentando motores de cara ao entroido- e cantaron en galego co grupo Puño Puñete, a cargo de Andrea Bayer e Davide González, de Baobab Teatro. «É importantísimo transmitirlles aos cativos a importancia de expresarse na nosa lingua materna. Nós intentámolo no centro cada día», explicou a directora da escola, Belén Rodríguez. «Non é certo que lles supoña un problema estudar varios idiomas. Non teñen ningún problema en estudar castelán e galego e mesturalos. É máis, incluso suponlles unha facilidade á hora de somerxerse noutras linguas no futuro», engadiu.

«Escollemos esta escola porque cremos que é un centro referente pola súa característica de ser interxeracional e ter unha gran matrícula de cativos. Queremos mandar una mensaxe ás familias, aínda que tamén aos educadores, da importancia de transmitir aos máis pequenos un valor cultural tan interesante como é a lingua galega», argumentou o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asistiu ao acto.

Nesta liña, dende a carteira de Política Lingüística incidiron en que é fundamental normalizar o galego nas idades máis temperás, onde comeza a relación cos códigos de comunicación que manteremos ao longo da nosa vida. Por iso escolleron a escola da Fundación Amancio Ortega, á que asisten máis de oitenta nenos de entre 0 e 3 anos.

máis alá dos resultados académicos

«Temos os mellores índices de coñecemento e un baixo nivel de uso. É dicir, está demostrado con estatísticas que a xente nova é capaz de entender o galego e falalo correctamente, pero á hora de comunicarse non o usan. Por iso é importante que empecemos a transmitir a estas idades que o galego é positivo e ser plurilingües, e que é unha fortuna para calquera sociedade manexarse en varios idiomas. Máis que unha lingua tan prestixiada como a nosa que nos pon en contacto coa lusofonía e que axuda a facer de Galicia un territorio con personalidade e moitísimo máis rico», manifestou Valentín García.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta conmemoración desde o 2011. Ademais, o portal www.lingua.gal ofrece información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna 2019 -para os que estean interesados en sumarse á celebración-.