Ridimoas celebra os seus trinta anos de loita naturalista

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A asociación, que terá asemblea o 31 de marzo, lembra os seus comezos no boletín anual

19 feb 2019 . Actualizado a las 21:08 h.

A Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas celebrará a súa asemblea anual o próximo 31 de marzo. Unha cita que sempre chega precedida do envío do boletín informativo aos socios e que, desta volta, aporta unha importante novidade a xeito de balance e de repaso histórico.

Na portada do Informativo Ridimoas 2018 figura un artigo titulado O máis salientable no que se lembra que en decemebro de 1988 nacía o proxecto de Aula Verde da Universidade Laboral de Ourense. Os trinta anos de actividade e «a recuperación de especies autóctonas de insectos, frecuentamente infravalorados, asentados en terras de recente adquisición» figuran no balance positivo.

Na parte contraria encadran dende Ridimoas a cacería ilegal e a matanza perpetrada por cazadores no espazo protexido, e vedado para a práctica da mesma, no mes de outubro. En relación a este apunte que recolle a asociación no seu boletín xa se produciron novidades nesta semana, ao tomar declaración o Seprona a dúas persoas en relación coa denuncia presentada no seu día polo colectivo.

Máis de mil socios

A contraportada do boletín recolle o artigo

30 anos da fundación da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas

e, entre outras informacións, lémbrase que o proxecto non sería posible sen a implicación dos cidadáns que aportan a súa cota anual para facer realidade actual. Ao peche do exercicio 2018 «temos máis de 1.060 socios, que pagan unha cota mínima de 20 euros ó ano e que posúen a condición de copropietarios da superficie forestal que coidamos, que actualmente se estende entre os concellos de Beade, Leiro e Carballeda de Avia».

Tamén se fai referencia neste balance de actividade a que nestes anos se puido observar como os falcóns pequenos volveron ao bosque; como o fixeron algarias, garduñas, raposos, teixugos e gaios. Ademais, lembran dende Ridimoas, «fomos testemuñas de como as uces, o érbedo, o acereiro e mesmo a cerdeira de acios -especie case extinta- abríronse paso de maneira natural no noso bosque». O traballo constante de eliminación de mimosas tamén axudou a favorecer a rexeneración do bosque.

O boletín anual do colectivo tamén inclúe as seccións habituais da publicación. A memoria da actividade económica, as novas altas, a reseña do número de baixas, a localización de nova fauna e varios textos -acompañados de debuxos de Pablo Rodríguez Oitabén sobre os mesmos- ou o balance anual das contas do colectivo figuran no boletín.

A asemblea de Ridimoas será o 31 de marzo no IES O Ribeiro -a partir das 11.30 horas- e como é costume logo haberá unha visita guiada polo bosque.