«Coábame por unha ventá para tocar o piano»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O Seminario Menor abriulle a porta da música e do deporte ao director da Coral de Ruada

18 feb 2019 . Actualizado a las 08:18 h.

Vai un frío de respecto e Xoán Antón Vázquez Casas (Ourense, 1964) desembarca no Seminario Menor en manga curta, acompañando o paso lento do seu antigo mestre e inspirador musical, Ángel Losada Nine (Cambados, 1931). Entre a frialdade rectilínea do perpiaño o director dese

símbolo ourensán que é a Coral de Ruada atopou o camiño que hoxe pisa. Antes percorreu moitos outros carreiros, incluído o da vocación relixiosa: «Tiven unha etapa de moita devoción; pensei en ser misioneiro», asegura.

Influenciado pola lenda e a estética, ao visitante non lle custa imaxinar aquel mundo de 500 adolescentes convivindo nun internado de curas no franquismo. O arrepío contrarréstao o relato caloroso e benevolente de Casas e acaba esnaquizado pola contemporaneidade dunhas instalacións que manteñen o espírito inequívoco de educación confesional, pero ofrecen o deseño e as comodidades das boas residencias universitarias.

A manga curta de Xoán Antón acae ben na calidez deste novo colexio, A Inmaculada, herdeiro do Seminario Menor. Hoxe son 93 alumnos en masculino, internos e externos, de Secundaria.

«Nos anos setenta eramos medio milleiro», apúrase a ilustrar Vázquez Casas mentres un novísimo cura con colariño, tamén exalumno, o guía nun percorrido pola parte histórica do vello Seminario, esa parte que para Casas non é historia; é memoria. E emocións. Alí está o despacho do

formador, ante quen había que xustificarse polas faltas de disciplina; e os vellos dormitorios, un labirinto de paredes a media hasta nas que a intimidade non deixaba de ser unha quimera. E, sobre todo, alí está «o baixocuberta», un longuilíneo faiado no que se amorean candeeiros cheos

de po, colchóns, algún que outro pupitre e un bo feixe de somieres que nun medio menos urbano terían pechado con eficacia máis dunha leira.

De camiño a ese espazo mítico, o Casas de 53 anos que combate o frío en manga curta detense e apunta a unha fiestra que asoma ao oco das escaleiras: «Por esa ventá, co risco que había de caer, coábame eu para tocar o piano nos recreos. Estaba prohibido, pero a min encantábame vir

aquí. A verdade é que sempre fun moi traste. E sígoo sendo: inquieto e bromista».

A imaxinación do visitante réndese neste espazo. Non é posible albiscar o seu atractivo para un rapaz de 13 anos. Consérvase a estrutura das oito espartanas cabinas onde se situaban outros tantos pianos. Máis parecen

celas de castigo que salas para crear. Pero algo falla na imaxinación do visitante -salvo cando Casas describe o frío e a calor que alí sufrían-, porque el emociónase con lembranza: «Eu tiña moitas ganas de entrar nas clases de piano. Insistín moito para conseguilo; eu creo que D. Ángel viu o meu interese e valorouno».

Mestre de Linguaxe Musical no horario académico, Ángel Losada ?tamén profesor no Conservatorio de Ourense na mesma etapa e, máis tarde, docente no instituto da Ponte-, soubo apreciar o vivo compromiso de Casas: «Esos primeros alumnos eran especiales; en vez de estar jugando fuera, esa hora libre que tenían iban al piano. Casas tenía un gran interés y cuando, ya de adulto, lo tuve de alumno en el Conservatorio, fue de los destacados, sin duda».

Xoán Antón aprendeu de Losada, non só a técnica, senón a actitude didáctica: «Sempre tratou os alumnos como adultos; motivado e serio, pero sen presionar. Tiña unha pedagoxía avanzada, era máis demócrata e as súas clases non eran coercitivas. E despois, no Conservatorio, eu notáballe afecto por min; penso que vía a miña situación de persoa de 21 anos con cero títulos académicos que tiña ganas de avanzar rápido e sempre me axudou; desde o respecto e sen regalar nada, iso si». Xunto coa música, o Seminario regaloulle a Casas o deporte: «Eu non era de fútbol; se tocaba, ía de porteiro. Era máis de atletismo e aquí cheguei a facer halterofilia!». Nas aulas inclinábase pola Historia e a Literatura, «que seguen sendo hoxe as miñas paixóns».

«Temiño fixo unha manobra para que seguiramos a carreira eclesiástica»

Aínda que é da EXB, Casas queimou etapas educativas en entidades que hoxe soan remotas. Naceu en Mariñamansa e alí empezou párvulos: «Foi nun baixo cerca de onde estaba o antigo fielato. De 1º a 4º fíxeno no colexio Santa Cruz, na avenida de Zamora, un piso onde vivía a profesora e

onde tiña unha aula grande na que estudabamos uns 40 rapaces de distintas idades».

Despois daqueles anos coa «señorita Aurora», Casas fixo 5º en Salesianos; cruzaba a cidade en bicicleta para asistir a clases con don Néstor. En 6º chegou ao Seminario, ata rematar BUP. «Daquela -conta- o bispo Temiño fíxonos unha manobra para encamiñarnos á carreira eclesiástica e

pecharnos outras portas; non nos deixaba facer COU para que fósemos ao Seminario Maior e non tivésemos volta atrás. Eu fixen alí 3 anos de Filosofía e un de Teoloxía pero, finalmente, escollín dedicarme só á Música».