«O libro é froito dunha teima que teño cos espazos e con como mudaron»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

Logo de «Spleen en catro tempos» a escritora Arancha Nogueira centrará a súa ollada no entroido

16 feb 2019 . Actualizado a las 10:46 h.

Na morea de lembranzas que garda Arancha Nogueira (Ourense, 1989) camiña unha cativa que aínda non domeaba o abecé, mais devecía por coñecer as letras que non sabía e turraba da súa nai para que llas escribise. Dende nena andou sempre enredada coa escrita, e daquel tempo datan os premios que foi acadando nas diferentes etapas formativas: no colexio, no instituto e na universidade. Recibir o Francisco Añón de poesía no 2013, polo seu traballo Andar descalza, mudou moitas cousas e encetou unha etapa editorial que tivo continuidade con tres traballos presentados nos últimos meses. Spleen en catro tempos (Toxosoutos, 2018) é a súa última entrega. Gusta de tirarlle a seriedade e o elitismo ao traballo literario e prefire presentar os seus poemarios en lugares como a cervexaría O Moucho, o seu espazo de referencia, ou conversar sobre escrita, feminismo e o que sexa diante dun café nun local do casco histórico.

-Por que Nogueira?

-É unha cuestión sentimental e unha homenaxe. Mudei os meus apelidos -Rodríguez Fernández- por Nogueira, que é o segundo de meu pai, por tanto o primeiro da miña avoa. E ademais de ser unha muller especial para min é unha homenaxe a ela e á familia do meu pai, que foron os que me educaron en galego.

-Belfast, Porto, Compostela... A vida sedentaria non é o seu?

-Certo. Fun da última promoción que se beneficiou das bolsas da Deputación de Ourense e daquela data a estadía en Belfast e logo xa estiven noutros lugares con becas ou axudas de estudos. Agora levo tres en Compostela, e xa me parece moito tempo.

-Comparte docencia e poesía.

-Estou centrada na tese e ao mesmo tempo dou clases na Facultade de Filoloxía e tamén en Formación do Profesorado.

-En que centra o seu traballo?

-Sobre a poesía escrita por mulleres en Galicia e Irlanda.

-Está a presentar nestas semanas «Spleen en catro tempos», que fala da súa experiencia compostelá.

-Levo un tempo con moita teima co tema dos espazos. Como mudan, como o fixeron dende a miña infancia ata agora ou que aconteceu nos últimos anos nas cidades que coñezo. No caso concreto de Compostela está a turistificación masiva, a reconversión dalgúns barrios populares en espazos xentrificados feitos para hipsters e turistas. E todo isto fíxome reflexionar acerca de como as cidades se volveron menos habitables para as xentes que realmente vivimos alí. Menos cómodas, máis precarias... pero boeno, a nosa xeración -a miña- tentamos seguir facendo vida aí da mellor maneira posible. E quería salientar o feito de que hai unha xeración, que nos chaman os millennials, aos que nos venderon que había que formarse o mellor posible para gañar o futuro e logo resultou ser falso. E aí estamos, loitando e resistindo contra todo, e reivindicando vivir nas nosas cidades.

-De que espazos estamos a falar?

-Non quería ter unha referencia concreta. Mais os exemplos son moitos e poño un rápido; estou tentando atopar un piso para mudarme co meu compañeiro e os alugueiros son imposibles: por un zulo de 20 metros cadrados sen calefacción cóbranche 400 euros. E non pasa só en Compostela, é algo a nivel global porque eu veño agora de estar uns meses en Cork cunha estadía de investigación e o drama é o mesmo. Están botando á xente da clase traballadora dos barrios onde sempre viviron.

-A literatura é a canle?

-A poesía, como calquera outra forma de creación artística, é un lugar onde ter voz. E as persoas máis oprimidas, non só me refiro a min, teñen voz en moi poucos sitios. E poder producir poesía permite dar unha opinión e ser un espazo de loita. Diría que de resistencia.

-Traballa nalgún novo proxecto?

-Este mes vou sacar un pequeno poemario sobre o entroido, con Leite Edicións. E en marzo presentaremos Calpurnia, unha antoloxía de poetas ourensás.