Andrés Pombo: «'O segredo das Burgas' conta con fantasía, drama e humor»

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O ourensán debuta na narrativa galega cunha historia ambientada na cidade

24 ene 2019 . Actualizado a las 12:53 h.

No Espazo Lector Nobel presentou Andrés Pombo Graña (Ourense, 1988) a súa novela «Os segredos das Burgas». É a súa primeira obra literaria e dende Galaxia salientan a enorme madurez do autor e o feito de que o traballo co que debuta na narrativa «vai enguedellarnos dende os primeiros capítulos para non soltarnos». A novela mestura bruxería, corrupción, segredos incribles agochados baixo as pedras de Ourense e moito misterio.

-Asinaba un dos «Relatos de verán» da Voz en agosto coa ponte de Rande como argumento.

-Esta é a miña primeira obra. Hai tempo mandei algúns relatos a concursos literarios e, efectivamente, tamén asinaba o dos «Relatos de verán» mais este é o meu primeiro libro publicado.

-Como naceu o proxecto de «Os segredos das Burgas»?

-Cando rematei Maxisterio decidín coñecer máis sobre os mitos e lendas galegas. Merquei varias publicacións e fun armando un escenario do que gostaba a base de pequenas ideas que me foron surxindo.

-Con que se atopará o lector?

-Partindo das lendas de Galicia escribín unha novela na que hai moita fantasía e onde a mesma tamén serve para adentarnos en episodios cun pouco de drama e outro pouco de humor. E misterio.

-E a bruxería?

-A historia está protagonizada por dúas meigas que se topan a un demo pequeno en Castela e deciden traelo para a casa. E aí é onde empeza a aventura e onde se fai necesario adiviñar os segredos que esconde a cidade.

-Traballa nalgunha obra?

-Estou escribindo a secuela desta novela porque creo que «O segredo das Burgas» pide unha segunda parte.