Idoia de Luxán: «O sector cultural en Ourense está bloqueado por parte dos gobernos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A autora do cómic «Alleos» aposta pola autoxestión, o idioma e o ecoloxismo

24 ene 2019 . Actualizado a las 08:10 h.

Idoia de Luxán é ilustradora e «deseñadora todoterreo», nas súas propia palabras. O deseño gráfico, a fotografía, a edición, a creación de identidade corporativa e moitas outras iniciativas e proxectos entran no que ela define como «todoterreo». Anda nas últimas semanas coa promoción dun proxecto persoal e creativo: a súa nova obra como ilustradora. Alleos, que así se titula, presentouse no Sindicato do Cómic de Ourense e a súa autora participa en encontros, programas e outras iniciativas para dar a coñecer o seu traballo. Cometidos que asume como factótum do proxecto: Alleos é un traballo autoeditado no que ela asumiu todo o proceso, mesmo a distribución e a venda nalgúns casos. A edición está formada por douscentos exemplares e poden atoparse en Sindicato do Cómic, Basquiart, Tanco, Zampacontos, Eixo e Platero.

Na sinopse da publicación faise referencia a un «cómic autoeditado que narra a historia dun grupo de traballadoras que se enfronta a sobrevivir a un ERE, nun mundo abocado ao colapso, arriscándose a virar cara á autosuficiencia, o rural e a natureza».

De Difusora a Voz Natura

Idoia de Luxán (Ourense, 1984) formouse como ilustradora e deseñadora en Barcelona, na Escola Joso e na Massana, e na cidade comezou a desenvolver os seus primeiros traballos. Eran tempos difíciles -«vin como avanzaba a crise», lembra- e a capital catalá amosouse demasiado fera e esixente. Precisamente alí foi onde se xestou a idea que deu como resultado

Alleos

.

De volta en Ourense empezou publicando traballos en

Ourense por barrios

e o seu traballo chamou a atención «dunha profesora que me propuxo refacer e ampliar o proxecto inicial. E logo xa empecei con outras iniciativas e propostas», sinala.

Xunto con Jerónimo Piñeiro de Castro, Juan Luis Pérez, Carlos Alfonso Fernández e Jaime Ezaguirre Santillán, Idoia de Luxán ilustrou os volumes de cómic da colección

Historias de Galiza

, un proxecto promovido no ano 2008 pola editorial Difusora de Letras, artes e Ideas, co apoio da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Coa mesma editorial ilustrou

Seducidos pola filosofía

, do profesor Ramón Area, e tamén asinou traballos como o cómic

Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas?

, iniciativa da Facultade de Ciencias de Ourense. Con Carlos Silvar colaborou no proxecto de Voz Natura e recoñece sentirse moi satisfeita de realizar o deseño editorial para a publicación

El camino que hacemos juntos

, un libro de Axuda en Acción sobre proxectos desenvolvidos en Perú e Ecuador.

Non son bos tempos para o sector -Idoia de Luxán está especializada en deseño de identidade corporativa, editorial e banda deseñada- nin para a cultura en xeral: «Hai moitísima xente creando e hai máis potencial e calidade que nunca, con proxectos moi bos, pero o sector cultural en Ourense está bloqueado por parte dos gobernos, que teñen unha especial vontade en marxinar a creación cultural», mantén a ilustradora. De aí que a creadora considere que «por iso mesmo é clave neste momento a autoxestión para sacar adiante os proxectos». A globalización tamén xoga á contra: «Saen proxectos noutros lugares, si, pero tamén é un inferno cando che propoñen facer o teu traballo competindo cos países nos que as condicións son moito peores. Nese aspecto a nosa profesión e a dos fotógrafos tense convertido en moi vulnerable».

A filosofía de Idoia de Luxán é outra, e daquela a súa aposta é pola proximidade, o pequeno comercio... e o idioma e o ecoloxismo como claves para reflexionar e actuar.