Adelino Feijoo: «Paguei para non ter problemas no futuro, pero isto é un roubo e un abuso»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Aínda que nunca alí estivo, chegoulle unha multa de Sevilla por mal aparcamento

02 ene 2019 . Actualizado a las 08:53 h.

Non é Adelino Feijoo Conde dos que se botan da parte de fóra á hora de enfrontarse coa maquinaria burocrática da administración. Xa o deixou claro hai máis de trinta anos -cobrou en 1998 26.000 pesetas logo de reclamar durante 13 anos- pero desta volta decidiu que non pagaba a pena.

A este veciño de Ourense botóuselle enriba o Concello de Sevilla coa súa arañeira legalista e acaboulle ripando 210 euros por unha multa que podería entrar na enciclopedia deses episodios aos que se lle dá nome de escritor checo.

Todo comezou cando á súa casa de Ourense chegou unha notificación da cidade andaluza. A Adelino Feijoo adxudicoulle a administración hipalense unha multa de 200 euros por «estacionar en zonas sinalizadas de carga e descarga durante as horas de utilización». Disque aconteceu tal cousa o 4 de outubro do 2017, cando o seu Citroën C4 con matrícula 7068 KBY se atopaba estacionado diante do número 1 da rúa San Florencio de Sevilla. Abraiado e anoxado -«na miña vida estiven alí, e moito menos ía ata Sevilla en coche coa miña idade»-, o beneficiario da sanción decidiu que tiña que tomar medidas.

E así foi como rematou presentando alegacións para ver de aclarar o asunto. Non lle fóra notificada a multa no momento de realizar a infracción -e non había argumento que xustificase non telo feito- e solicitaba probas ao Concello de Sevilla -fotográficas e doutra natureza- da presenza do seu coche na citada rúa, da sinalización que non permitía o estacionamento e da documentación tramitada pola persoa que o sancionou. En todo momento puxo a súa argumentación por diante: foi un erro ou unha confusión á hora de apuntar os datos.

A última oportunidade chegou da man do recurso de reposición presentado ante a Axencia Tributaria de Sevilla, concretamente no Departamento de Xestión de Sancións. No mesmo, e logo de todos e cada un dos puntos e preceptos legais aludidos, ademais alegábase «indefensión porque a Administración non aportou ningún medio de proba solicitado no recurso de apelación xa que como alegou no referido recurso esta parte nin ningún familiar achegado estivo en Sevilla, nin en ese ano nin nos anteriores». A Axencia Tributaria de Sevilla non estaba polo labor de comprobar se houbera un erro, só quería cobrar: o recurso estaba fóra de prazo e o resultado eran 210 euros, co recargo, a ingresar vía telemática ou nas oficinas autorizadas.

Adelino Feijoo non quería problemas, e cortou polo san. «Botei as contas. Ou pagar 210 euros ou seguir coa vía xudicial. E iso ía custarme moito máis. Daquela, aínda que me recoñecesen que teño razón, xa de pouco me ía servir que ma desen. Claro que non quería pagar, mais paguei para non ter problemas no futuro -e que me viñese un embargo ou cousa polo estilo-, pero isto é un roubo e un abuso. Os cidadáns estamos indefensos contra os abusos dos políticos de turno. Nunca estiven en Sevilla, nin eu nin o meu coche, e o por non recoñecer que puido haber un erro ou que alguén se trabucou non me deron ningún tipo de documentación. Roubáronme 200 euros e non puiden facer nada».

 

Devolución en 1998

Igual sorte, ningunha, tivo cando reclamou a devolución dun pago incorrecto por valor de 26.000 pesetas. Cando vivía en Alemaña trabucouse ao facer o xiro postal da fianza para construir a súa casa en Laza. Xa de volta, topouse co labirinto da administración. O Valedor do Pobo foi a súa salvación. Con todo, pasou 13 anos para cobrar «e sen intereses».