O belén dos ourensáns

La Voz

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

A apertura ao público do conxunto creado por Arturo Baltar marca o inicio oficial do Nadal

16 dic 2018 . Actualizado a las 21:00 h.

O pasado ano Arturo Baltar non estivo presente na apertura ao público do seu belén. A saúde non o acompañaba e non puido acudir ao acto da praza de San Cosme. E aos poucos días, o 18 de decembro, chegaba a triste nova do pasamento do escultor. Onte, como acontece dende hai anos, procedeuse á «inauguración» do Nadal ourensán coa apertura ao público da obra de arte da que os veciños da cidade se sinten especialmente fachendosos: o Belén de Baltar.

O alcalde, Jesús Vázquez, lembrou que é o primeiro ano que o conxunto artístico se abre ao público logo da morte do seu creador e que Ourense terá, por sempre, unha débeda impagable con Arturo Baltar. A actuación musical correu a cargo do Conservatorio Profesional de Música de Ourense e o profesor e escritor Delfín Caseiro leu o poema de Víctor Campio «A estrela presentida», composición literaria adicada polo escritor xa desaparecido ao artista que creou coas súas máns todas as pezas do belén.