O Prometeo de Coia roubo o lume a Zeus

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE CIUDAD

02 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Prometeo de Coia roubou o lume a Zeus e regalouno a Vigo, e por extensión a Ourense. O lume máxico, o lume que fai lar, o lume que roza, está a uns centos de gramos de CO. É cuestión de gastar en combustíbel para unha ida por volta e participar no ladroízo de tal mito.

Cando todo xira arredor dos kilovatios, a teima dos que queremos unha tarifa eléctrica galega, vén o caso máis que nunca. Eu quero unha tarifa propia para ter a mesma esperanza que trouxo a luz aos primeiros monos espidos que comezaron a vivir en comunidade. Eu non preciso unha tarifa propia para ser o que se queda coa comisión.

Prometeo de Coia cre na lámpada de Aladino, fregar e fregar, a súa marca-cidade, unha impostura coma outra, mais chea de simboloxía, luz fronte a escuridade do mar, onde caeron os mariscadores do Marisquiño. Cando todo o mundo quere ser ecolóxico, asceta, el quere ser o mesmo Zeus, capaz de botar lóstregos se non chegan as luces. No fondo, Vigo, somos nós.

Neste reparto de olímpicos tocounos Epimeteo, o irmán que mira con retraso as cousas que xa aconteceron. Nós, as luces deixámolas para máis adiante, xunto coa demanda da tarifa eléctrica galega (de novo). Non por levar o prefixo eco os barrios se transforman nun couto ou nunha carballeira; o ecobarrio da Ponte tamén é unha impostura, é unha idea electoral.

Poñamos luz no candil ¿traballáronse unhas raíces máis ecoloxistas neste barrio por parte da administración? ¿É o ecobarrio a maior necesidade reclamada pola veciñanza dende anos? Coido que estes datos, de existir, nin son públicos nin avaliados. As cidades que buscan co alcume saír ao século XXI cunha marca comercial fracasan se non teñen aos veciños convencidos no seu camiño a seguir.

O concepto ecobarrio ten ese aire démodé como se fora un arrabal de Bordeaux, pero así coma eles souberon integrar a cultura do viño no seu cerne identitario, nós andamos a buscar o que aínda non somos. Sempre teño esperanza. Si, a esperanza que quedou dentro da tina de Pandora, muller de Epimeteo. Esperanza, nunha rexión de viños e terras para ser a capital mundial do terroir terra en francés. Tamén de ter unha universidade e industria como a de Burdeos. Dionisio de San Cibrán.