«Para min o cine é un arte testemuño»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Durante o festival proxectaranse seis longametraxes do autor ourensán premiado co Calpurnia de Honra

30 nov 2018 . Actualizado a las 18:23 h.

A Xavier Bermúdez (Ourense, 1951) gústanlle as películas de Luis Buñuel -por riba de tódolos demais directores-, Federico Fellini ou Víctor Erice. E aínda que é o cineasta galego que máis premios acumula ao longo da súa traxectoria artística, aínda non rodou ningún traballo na súa cidade natal. Durante o festival proxectaranse, con entrada de balde até completar aforo, dúas longametraxes e dous documentais no Cineclube Padre Feijóo.

-Como comezou a facer cine?

-Comecei a estudar na Universidade Complutense, Ciencias da Imaxe, aínda que non rematei. Pero a facultade serviume para coñecer a xente, moita da cal segue sendo amiga. Alí empezamos un pouco a facer curtametraxes colaborativas, nunhas facía de director e noutras de guionista. E finalmente puiden facer a miña propia longametraxe. En 1994 sentimos un amigo e máis eu, que era o momento de crear a nosa propia produtora e comezamos a traballar en Galicia.

-Cambiou a tecnoloxía coa que se fai cine desde os seus inicios.

-Bastante. De feito o que tramabamos entre amigos moitas veces era filmado en super-8 . Despois probamos coa cinta de 16 mm, que xa considerabamos profesional. Pero as dúas primeiras películas fíxenas xa en 35 mm. Agora xa se traballa en dixital e incluso podes facer co móbil unha película. Coido que agora pode resultar máis sinxelo filmar.

-E tamén mudou a maneira de consumir o cine. Son os festivais imprescindibles para que o público se achegue ás salas?

-Son un aliciente fundamental, creo. Non é o mesmo ver un produto audiovisual na televisión ou pantalla pequena que na sala de cine. Hai moitas diferencias importantes como que nunha sala un fundido a negro lévate a un negro real, mentres que na casa reflíctese na pantalla toda a tribu que está sentada no sofá. Ou o fora de campo que no cine é algo incerto e na tele tes obxectos decorativos ou fotos arredor.

-As súas historias teñen un compoñente social vertebrador. Entende o papel do cineasta como o dunha especie de antropólogo ou xornalista?

-Para min o cine ten unha vinculación directa co social. Eu diría que o cine é un arte público, temporal, onde importa moitísimo o ritmo dos personaxes e da película en xeral. É un arte testemuño. Cando ves algo que che leva a preguntarte que hai detrás diso, por que é así e non doutro xeito, xa estás a facer unha pescuda social e política. É inevitable. E non falo de política de partidos, senón das cousas que nos afectan a todos. O cine que máis me interesa é o social.

-Considera importante diferenciar ao autor da súa obra ou son inseparables?

-Hai que diferenciar. Unha obra non se pode xulgar pola presunción de culpabilidade que se teña dunha persoa. Tamén é certo que un autor especialmente agresivo ou antisocial non esperta moita simpatía e pode facer que o público potencial non se sinta atraído polo seu traballo. Pero creo que non se debe facer sobre as películas un xuízo privado. As responsabilidades na vida civil deben asumirse individualmente. Houbo autores simpatizantes con ideoloxías totalitarias que conseguiron facer obras abraiantes, tanto no eido literario como no cinematográfico. E os directores máis interesantes adoitan ter unha preocupación social. Buñuel dicía que grandes escritores hai moitos, que o importante era ser bo cidadán.

-Cre que os seus traballos que se proxectan envelleceron ben?

-Eu aínda os presento con confianza e non me asusta que o público os vexa por primeira vez ou os vexa de novo. Penso que teñen algo interesante que ofrecer.

Santi M. Amil

Durante o certame presentaráse un libro sobre a obra de Bermúdez

O historiador cinematográfico Eduardo Galán acompañou a Bermúdez no seu encontro cos medios. El é precisamente o autor do libro «Dos pés á cabeza» que se presentará durante o certame sobre o traballo do director ourensán. «Non incluín moito da biografía do autor, porque paréceme que ás veces somos moi escravos da vida privada dos actores e directores. E a min non me apetecía ir por esa banda», explicou o tamén guionista e director. Engadiu tamén que a necesidade de manter en segredo o traballo que lle encargou a organización do OUFF impediulle colaborar estreitamente con Xavier Bermudez, pero que ao final do proxecto puido consultarlle algunhas dúbidas sobre a súa traxectoria.