Ourense esquece ao seu poeta oficial cando se cumpre o 150 aniversario da morte de José García Mosquera

Autor de obra en galego, castelán e latín, García Mosquera foi recoñecido por figuras como Lamas Carvajal


ourense / la voz

A historia ten un pouso amargo que vai deixando no esquecemento aos que a protagonizaron cando as follas anuais se van amoreando. E pode ocorrer, e pasa, que nin as institucións que promoveron os recoñecementos pasados nin os pobos, as vilas e as cidades garden memoria daqueles a quen antes puxeron na gloria. O luns cumprirase o 150 aniversario do pasamento de José García Mosquera (Castro de Escuadro, Maceda, 1817 - Ourense, 1868), quen fora poeta oficial da cidade de Ourense, e a data pasará sen máis porque ninguén -agás algún investigador ou profesor- reivindicará a memoria do docente e escritor. Como pasou a celebración do douscentos aniversario no seu nacemento en Castro de Escuadro.

Aínda que haberá quen lembre e defenda a memoria de García Mosquera, como fai de cando en vez o expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, e mesmo quen dea ao prelo un seu traballo de investigación, demorado no tempo, sobre o poeta de delicada saúde.

 

Un dos precursores

O que asinará a publicación será o investigador e profesor Santiago Prol, quen xa en 1995 promovera a campaña para que a vila de Maceda lle adicara unha rúa a Xosé García Mosquera. Prol lembraba onte a condición de adiantado do poeta. «Foi un dos precursores, e como tal figura recoñecido. Na antoloxía de Varela Jácome aparecen como os precursores do galego, antes do Rexurdimento, Añón, Pintos, García Mosquera e Alberto Camino. O poeta de Maceda, e profesor do que na actualidade é o IES Otero Pedrayo, publica en galego en 1858, antes que Rosalía de Castro», lembra o investigador.

Autor de obra en galego, castelán e latín, García Mosquera foi recoñecido por figuras como Lamas Carvajal -que foi o que promoveu que se lle adicase unha rúa na cidade e se puxese unha placa na casa na que viviu en Hernán Cortés- ou Saco e Arce, entre moitos outros.

 

Adaptación do «Beatus ille»

A obra que fixo pasar a García Mosquera á historia da literatura galega, e que o fai ter presenza en antoloxías internacionais, foi a adaptación -máis que tradución- que fixo do Beatus ille, de Horacio. O poema A vida d’ o campo , que figura na Gramática Galega de Saco, converteu a súa versión da oda de Horacio «nunha peza maxistral que se considera case orixinal», como lembra Santiago Prol. Para este, a data do 19 de novembro sería a acaída para, o mesmo que se fan roteiros con outros autores, ler a peza xunto á placa da praza de San Marcial que lembra ao poeta oficial de Ourense.

 

 

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Ourense esquece ao seu poeta oficial cando se cumpre o 150 aniversario da morte de José García Mosquera