Máis de cen opcións distintas para manterse activo e saudable

A segunda edición do Salón do Deporte e Turismo Activo comeza hoxe en ExpourenseGlobo aerostático, ponte tibetana, rocódromo, exposición de coches de rallye e a presenza de grandes deportistas como atractivos para o público SPORTUR


Un completo programa de actividades para promover unha vida activa e saudable en contacto coa Natureza. Iso é o que ofrece dende hoxe a segunda edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo de Galicia que se celebra en Expourense ata o sábado 17 ás 20.00 horas. Esta cita serve para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos de toda Galicia, así como de asociacións e empresas especializadas en turismo activo. Entre todos eles elaboraron un programa que supera as 100 actividades, entre as que destacan as clases abertas para os visitantes, os adestramentos e as exhibicións.

Tanto para deportistas profesionais como para amateurs, este programa converte a Sportur Galicia nun bo lugar para gozar do deporte e lecer en familia, xa que lles permitirá practicar deportes xa coñecidos e descubrir outros novos, así como coñecer novos destinos próximos onde gozar da natureza. Entre as actividades permanentes que poden gozarse ao longo dos tres días de feira destacan o rocódromo, a ponte tibetana, o remo indoor, os simuladores de navegación ou tiro, a pista de pitch and putt, a petanca ou os xogos tradicionais. Tamén se promoverán hábitos de vida saudables ou se poderá participar na xincana de reciclaxe promovida por Coca-Cola. Unha das novidades deste ano será a posibilidade de sobrevoar o recinto feiral no globo aerostático cedido por Remax ou de facerse fotos nos escenarios polos que pasou La Vuelta Ciclista.

Sportur Galicia conta coa participación activa dunha trintena de federacións e asociacións e clubes deportivos que organizarán distintos torneos e campionatos para os seus deportistas pero tamén de clases abertas para darse a coñecer entre aqueles que nunca practicaron ese deporte. Algúns dos deportes que practicarse estes días son: o ciclismo (infantil e rutas en bici por estrada fóra do recinto); wushu; halterofilia; bádminton; marcha nórdica; ximnasia rítmica; xadrez; baile e zumba; roller derby; hockey; karate; kung-fu; ximnasia acrobática; baloncesto; kickboxing; taekowndo; defensa persoal; remo indoor, etc. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com .

A celebración desta segunda edición servirá de quecemento para a edición número corenta e dous da Carreira Popular de San Martiño cuxos corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral nos días previos a esta proba deportiva que superou os 11.000 inscritos. Sportur Galicia acollerá ademais a entrega de medallas do ciclo de probas Correndo por Ourense que organiza o Concello que está programada para o sábado 17 ás 18.00 horas.

Sportur convocará tamén a destacados deportistas que visitarán o salón e convivirán cos visitantes a través de charlas ou de sinaturas de autógrafos. Este é o caso da gañadora da medalla de ouro en Hockey herba nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, Maribel Martínez de Murguía, que impartirá unha charla da man do Clube de Hockey Albor. Outros deportistas que contarán as súas experiencias en grandes probas son Carlos Sá (de Montalegre, Portugal) que foi campión de Ultra Trail Portugal en 2013 e récord mundial en ascenso e descenso ó Aconcagua, ou o asturiano Jorge Núñez, primeiro barranquista do mundo en descender individualmente o Trou de Fer, de Isla Reunión, en África.

Por outra parte, Javier Pardo, e Adrián Díaz, pilotos oficiais de Suzuki, visitarán o salón e asinarán autógrafos e faranse fotografías na exposición de coches de ralli que o Inorte-Turismo de Ourense organizou para este evento.

O salón inclúe ademais a presentación de casos de éxito de probas deportivas como a Pantic Classic ou a Gran Fondo de Ézaro de Dumbría, entre outras. Dentro do deporte local, o salón recibirá ademais a visita de xogadores de equipos como o COB-Río Ourense Termal ou da Unión Deportiva Ourense.

A entrada é gratuíta. O horario de feira será o mesmo durante os tres días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Máis de cen opcións distintas para manterse activo e saudable