Ourense lembra a Marcelo Macías aos 175 anos do seu nacemento

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O crego e profesor foi o promotor do actual Museo Arqueolóxico Provincial

30 dic 2018 . Actualizado a las 21:04 h.

Ourense, 1884. Á cidade chega un sacerdote de Astorga para impartir a cátedra de Retórica e Poética do Instituto. Unha data e un feito, a toma de posesión do seu novo posto de traballo, que marcaron un tempo novo para a cultura e a sociedade ourensá. O novo profesor era Marcelo Macías (Astorga, 1843 - Ourense, 1941) e das súas inquedanzas deixaron pegada moitas institucións e proxectos, entre eles o que coñecemos na actualidade como Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense -creado en 1895 como Museo da Comisión de Monumentos de Ourense-. Precisamente esta institución, o Arqueolóxico, promove agora a exposición que lembra a figura e o legado de Marcelo Macías ao cumprirse o 175 aniversario do seu nacemento. A mostra foi aberta onte ao público na sala de exposicións de Afundación na Praza Maior da cidade. O proxecto Marcelo Macías. 175 aniversario foi coordinado por Xulio Rodríguez González e Avelino Rodríguez González e para facer realidade a proposta a Consellería de Cultura contou coa colaboración de Afundación, Obra Social de Abanca e Grupo Marcelo Macías.

«Un dos sabios da nosa historia»

O conselleiro Román Rodríguez salientou na presentación da mostra que coa mesma «non só conmemoramos o 175 aniversario do nacemento de Marcelo Macías, un dos sabios da nosa historia, senón que tamén achegamos á sociedade ourensá o traballo do Museo Arqueolóxico como depositario e transmisor da memoria colectiva desta terra». Ademais da súa condición de pioneiro da arqueoloxía na provincia, o titular de Cultura lembra no catálogo da mostra o seu papel «desde finais do século XIX, e durante as primeiras décadas do XX, de dinamizador cultural na cidade das Burgas» e o seu grande traballo «que xerou un substrato fértil para a renovación cultural impulsada pola Xeración Nós».

A publicación da mostra fai unha achega á figura de Marcelo Macías a través das colaboracións asinadas por Miguel Ángel González García, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, Francisco Fariña Busto, Federico Román Alonso, Purificación Rodríguez García e Sonia María García Martínez.

Grandes eixes temáticos

No seu artigo Xulio Rodríguez González, un dos coordinadores do proxecto e director do Arqueolóxico, fai un repaso da figura do homenaxeado e dos eixes temáticos da mostra, marcados polas facetas nas que se distinguiu o crego e profesor. Os estudios epigráficos -con importancia xa na súa etapa de Astorga-, a preocupación pola conservación e difusión deste patrimonio, a numismática, a súa faceta como un dos intelectuais máis expertos coñecedores da historia e literatura da Antigüidade Tardía en Hispania, a súa condición de brillante orador ou o seu traballo clerical son aspectos sobre os que se incide na exposición que se pode ver dende onte.

Máis dun cento de pezas, do seu busto a moedas da súa colección, libros ou premios, entre outras, forman parte da mostra que se ofrece en Afundación.