«Vivir en Ourense é un privilexio e a falta de civismo ponme enferma»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A actriz Fina Calleja «adora» a cidade e cre que o seu patrimonio é a súa fortaleza. Elixe a praza da Trinidade como un dos seus recunchos preferidos

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vitalidade de Fina Calleja tiña que ter algún segredo. E claro que o tiña. Afirma que Saturnino Calleja, de quen se di que é o protagonista da frase «Tes máis conto que Calleja», foi antepasado da súa familia, pola parte castelá. O carácter desta actriz ourensá, que cando ten que reivindicar algo tamén aflora, débese a unha familia moi activa, a unha aboa que a levaba ao teatro en Madrid e a unha nai apaixonada pola literatura que gustaba de cantar... a unha familia matriarcal. Naceu en 1969 e aínda que foi na Ponte pronto desprazou a súa vida ao casco vello da capital. Nesta zona da cidade está o seu universo. Primeiro elixiu como o seu recuncho o balcón do Arqueolóxico, ao que non se pode acceder para a foto. E seguidamente as escadas da igrexa da Trinidade. O que para ela é o xerme da cidade.

A arquitectura é a súa paixón, aínda que afirma que estudou Xornalismo en Madrid por vocación e que o teatro é a súa vida. Por iso combinou os seus estudos na Complutense cos da Real Escuela Superior de Arte Dramático. «Cando tiña 11 anos vin actuar a Sarabela nunha mostra que facían en Salesianos: fascinei. Cando ía a Madrid a miña aboa levábame ao teatro. Nunha desas que estaba nas táboas Amparo Baró, a miña aboa que era moi disposta dixo ‘Eu levo a miña neta a coñecela’. E quedei marabillada», relata. Traballou en varios medios de comunicación e afirma que o seu paso definitivo ao teatro foi moi natural.

Sarabela Teatro foi e é a única compañía teatral na que estivo dende os 14 anos. Cos altibaixos que supuxeron os estudos en Madrid. Un destino que repite anos máis tarde para facer un curso de posgrao en xestión cultural. E a súa intención é facer este ano o máster.

E este apartado, o da xestión cultural, cre que é cada vez máis necesario. Sobre todo nos tempos que corren. «Estaba nacendo ese estudio e apetecíame moitísimo». A crise atacou ao mundo da cultura hai dous anos e iso non pasou desapercibido para a compañía. Levar a distribución dos espectáculos durante moitos anos dálle outra visión do mundo da cultura: «A crise influíu moito nos programadores, a moitas compañías. Houbo un momento moi duro de caída de cachés de espectáculos e de programacións pouco serias». E tamén leva a produción artística, que é unha parte que lle gusta: «É tratar de cumprir e levar á realidade os soños e as ideas do director e escenógrafo e do equipo creativo». Esta integración en case todos os aspectos dálle un concepto amplo da cultura. «Estamos nun momento de bum do tecnócrata e a xestión cultural ten que ter un asentamento teórico e de formación pero non pode afastarse do obxecto fundamental que é o creador. Xa que os tecnócratas non se achegan aos creadores, nós temos que aprender todas estas ferramentas».

Fina Calleja é unha namorada da cidade: «Vivir en Ourense é un privilexio e a falta de civismo ponme enferma», sinala ao falar, por exemplo, das pintadas nas fachadas.

E afirma que Ourense vive en dous camiños. «A xestión da cidade vive un momento paralizante, onde non hai enriba da mesa novas e grandes propostas desas que fan cidade. E por outro lado, temos un patrimonio marabilloso que está sendo descuberto por moita xente. Nótase que hai máis turistas, pero non se está aproveitando», afirma.

Fina Calleja sente a cidade e sinte por ela.

«Creo que un dos segredos para ser feliz é non pararse e seguir aprendendo»

Comezaban os anos 90 e Fina Calleja estaba xa metida de cheo en Sarabela Teatro. Recorda aqueles tempos con carencias a nivel técnico e de infraestruturas pero con moita ilusión e enerxía. Cada función era unha odisea. «Transportabamos a escenografía nun camión que levaba habitualmente peixe. E había que ventilalo todo. Tamén nun que alugabamos e que era de orquestra e as cargas e descargas eran tremendas. Acababas esgotado», relata. Sarabela Teatro xa tiña unha identidade propia, co nacemento da Miteu. «Nós nunca perdemos de vista que somos de Ourense e que traballamos para os nosos espectadores, para os cidadáns. Isto é algo que temos moi presente tanto na creación dos espectáculos como noutras actividades. E esa ilusión, agora dende outro lugar, segue viva», explica. O mellor momento dende o punto de creación teatral dentro da compañía é para Fina Calleja cando chegan por primeira vez á Feria Europea de Artes Escénicas coa obra TICs e ao remate da función hai un «desborde» por parte dos programadores destacando o traballo. O momento peor, a morte de dous compoñentes indispensables, aínda hoxe, para a compañía: Begoña e Suso.

A nivel profesional, Calleja afirma: «Acabamos de estrear Celebración e o 16 de novembro o noso novo espectáculo infantil que é o Proxecto Noé, que dirixo eu e é una preciosidade. Sigo traballando no audiovisual de maneira máis ou menos continua e tamén teño gañas de encarar novos proxectos. Creo que un dos segredos para ser feliz é non pararse e seguir aprendendo».

E esta non é, dende logo, unha frase baleira, está chea de contido e ten que ver co sentido da vida.