«O papel da muller na arte, e na cultura en xeral, non é un refrexo da realidade social»

OURENSE CIUDAD

cedida

A actriz actúa mañá no Principal xunto a Fele Martínez, Cristina Plaza, Lucía Barral, Nuria González e Lola Casamayor

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 6 • 20.00 horas • Principal • De 12 a 20 euros • A Ourense chega mañá a montaxe «Todas las mujeres», unha obra que conta a historia de Nacho, un veterinario que se enfronta ás mulleres da súa vida. Diante del aparecen a súa amante, a súa nai, a psicóloga, a ex moza e a súa cuñada. Con todas ten contas pendentes e chegou o momento de resolvelas. Fele Martínez é Nacho e Lola Casamayor, Mónica Regueiro, Lucía Barra, Cristina Plaza e Nuria González son todas as mulleres. A actriz galega destaca a boa acollida que está tendo a montaxe por parte da crítica e do público.

-Chegar cunha obra dirixida por Daniel Veronese é sinónimo de éxito?

-Está claro que é un dos directores máis prestixiosos da escena neste momento, mais tamén estamos falando dun texto do que son autores Mariano Barroso -que é un coñecido realizador e o presidente da Academia do Cine español- e Alejandro Hernández, cunha importante traxectoria como escritor e guionista.

-Como valora a experiencia?

-O resultado está sendo marabilloso. Estivemos seis semanas de tempada en Madrid, con cheos e unha excelente acollida por parte de crítica e público -o cal non se dá moitas veces- e agora estamos enchendo nas representacións da xira.

-Con que se vai atopar o espectador?

-Cunha comedia que invita a reflexionar e a pensar. En palabras dalgún crítico «é unha comedia menos lixeira do que parece». En «Todas as mulleres» fálase de mulleres fortes, independentes, autosuficientes, dun estereotipo de muller moi diferente e moi real. É certo que como comedia é unha montaxe para pasar unha velada divertida, mais ao mesmo tempo faite cavilar e reflexionar sobre a vida e as cousas importantes.

-Vostede tense significado na reivindicación de xénero.

-É que o papel da muller na arte, e na cultura en xeral, non é un refrexo da realidade social. Fálase de nós dende a perspectiva masculina, na maior parte dos casos, e non vai máis alá do 25 % a presenza de mulleres nos postos de decisión. Aínda que non o pareza, por iso escollín este texto. As cousas están cambiando logo do 8M, mais aínda queda moito por facer e camiño por andar.

-Como siguen os seus proxectos en cine e teatro?

-Participei como produtora na película «Llueven vacas», que se centra na violencia de xénero, e estamos traballando na promoción da mesma e nun circuíto cultural para que chege aos mozos e sirva para loitar contra esta lacra. En teatro hai dous proxectos, que deberán agardar porque estaremos con esta obra ata xuño do 2019.