«Sería bo que as editoriais galegas apostasen pola formación dos docentes»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A escritora acaba de publicar o seu primeiro libro en solitario en portugués

02 oct 2018 . Actualizado a las 18:06 h.

Ten ás súas costas máis de cincuenta traballos como coautora e en obras colectivas, xornais ou revistas, mais non se atrevera con nada en solitario ata agora. Isabel Mociño (Sarreaus, 1974) vén de publicar o seu último libro en portugués. Froito de dez anos de estudo e investigacións ve a luz -adaptada a tódolos públicos e en menos páxinas- unha parte da súa tese doutoral.

«Está dirixido á formación de mestres, profesorado de todo tipo ou persoas que queiran coñecer en profundidade a literatura infantoxuvenil», sinala Mociño sobre a publicación. O texto -que forma parte dunha colección máis ampla composta por dezaoito números pensada para a formación de docentes respecto á literatura á man dos máis novos- preséntase este sábado ás 18.30 horas na tapería Plan C, en Celanova.

«A temática da tese interesou desde que a presentei, segundo me dixeron varios compañeiros da universidade de Portugal, porque non había nada estudado nese ámbito con anterioridade. O que eu fixen foi unha comparativa sobre como evolucionou a literatura de ficción infantil e xuvenil, desde os anos sesenta ata a actualidade, tanto en Portugal como en Galicia», explica a autora.

En Narrativas de ficçao científica para a infancia e a juventude Mociño aborda só a produción literaria no país fronteirizo porque polo momento ningunha editorial galega amosou interese pola publicación. «Hai algunhas propostas que están a funcionar moi ben, tanto de Xerais como de Galaxia, pero é moi baixa a demanda existente para pór eses coñecementos obtidos de investigacións á man do público xeral reducindo o número de páxinas e facéndoos alcanzables», lamenta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense. «Sería bo que as editoriais marcasen unha liña forte de aposta pola formación dos docentes complementaria ao que é a propia produción literaria», engade Mociño.

Ao longo dun traballo de investigación de preto de dez anos, a escritora deuse de conta de que a diferenza entre a literatura infantoxuvenil en Galicia e en Portugal reflicte os contextos sociais e económicos polos que atravesaba cada territorio en momentos determinados. «Non deixa de ser curioso que as publicacións portuguesas enfocadas a este público contaron co apoio que lle faltou ás galegas durante varias décadas e comezaron tendo unha gran produción pero o interese por este tipo de temática oscilou moito. En Galicia, nos anos oitenta e noventa, houbo moita máis produción mentres que en Portugal diminuíu bastante», destaca Mociño. «É curioso porque o idioma portugués ten unha demanda de público e un apoio maior e sen embargo aquí era moito máis potente a temática de ficción científica dirixida aos máis novos», afirma.

Ademais de presentar este traballo o fin de semana, hoxe Mociño asistirá á inauguración da cuarta edición do ciclo de literatura infantil e xuvenil que ela mesma organizou e que terá lugar tódolos martes de outubro na sala Emilia Pardo Bazán do campus de Ourense, ás 18.00 horas. «Decidín propoñer como temática a lectura como ferramenta de equidade pensando na debilidade que observei nestes últimos anos nas distintas promocións de alumnado que tiven. Dos case douscentos estudantes que teño cada curso o índice de lectores habituais non supera o 5 %», explica a docente. «Polo tanto decidín enfocalo na promoción da lectura e como contaxiar o gusto por ler e está dirixido ao alumnado, ao profesorado e a todo o que queira vir e romper esa barreira que parece que existe entre a universidade e a sociedade», remata Mociño.

Os poñentes serán as escritoras Ledicia Costas, María Lado, Yolanda Castaño, Esther Carrodeguas e Carlos Negro.