Cincuenta citas no Auditorio de Ourense

La Voz

OURENSE CIUDAD

BENITO ORDOÑEZ

Teatro, danza, circo, concertos e exposicións forman parte da oferta para o que resta de ano

22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con máis de corenta actividades pechadas e as propostas que se darán a coñecer na presentación de certames como os festivais de teatro Fito e Moti ou o de danza de SoloDos, o Auditorio de Ourense desenvolverá no que resta de ano un amplo programa de actividades con máis de medio cento de propostas. O teatro será o eixe principal do calendario -ao conxugar a oferta para cativos coas sesións familiares, ademais da programación para adultos-, sen esquecer as iniciativas vencelladas á música, ao teatro, á danza e ás mostras artísticas. A programación do Auditorio para o que queda do 2018 foi presentada onte pola concelleira de Cultura e o responsable do Auditorio, Belén Iglesias e Manuel Freire.

Dúas estreas -a de Sarabela co espectáculo «Celebración», que se volverá a representar o 18 de outubro, e a de «Contos do recreo», de Redrum Teatro, prevista para este domingo- ou a presenza do actor Javier Gutiérrez coa montaxe «Quien conoce al señor Smith» -o 16 de novembro- serán parte da oferta teatral. Neste apartado tamén se dará especial ás propostas escénicas para os cativos.

A música tamén terá un especial protagonismo, con concertos como o de Marem Ladson -29 de setembro-, Bombino -7 de outubro-, a sesión de temas de Queen a cargo da Banda Artística de Merza -10 de novembro-, o de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre -25 de novembro-, a Noite Sabinera -30 de novembro- ou o tributo a Dire Straits -21 de decembro-.

Espectáculos de circo, danza e exposicións, como a de María Victoria Moreno que se poderá ver no Auditorio do 15 ao 30 de novembro, son outras das propostas. Ademais de estar pendente a presentación da programación de festivais de teatro e danza como Fito, Moti y SoloDos, a concelleira sinalou que se está negociando un «concerto sorpresa».