Sarabela vaise de «Celebración»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

O grupo ourensán estrea mañá no Auditorio de Ourense a súa nova montaxe

19 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve Sarabela cunha nova proposta escénica e faino con moitas novidades. Entre outras as referidas á autoría e á dirección da obra que mañá se estrea no Auditorio de Ourense. A compañía mantense fiel á tradición e a cidade poderá gozar en primicia do espectáculo Celebración. A gran noite. Serán dúas sesións: a estrea, o día 20, e unha función do novo espectáculo o venres. Os dous días con comezo ás 21.00 horas. Para desenvolver o proxecto a compañía contou coa axuda da Xunta de Galicia, a través da Agadic, e do Concello de Ourense. O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación xunto aos membros de Sarabela, o director, o alcalde Jesús Vázquez e a concelleira de Cultura.

O proxecto escénico que mañá se dará a coñecer é «unha comedia pero con moita sátira social e política», en palabras de Fernando Dacosta, que está protagonizada por Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e o propio Dacosta.

 

Salgado, o primeiro director

A nova montaxe da compañía ourensá chega cunha nova salientable: por vez primeira, na súa xa dilatada historia, Sarabela está dirixida por un home. Ata o de agora a dirección dos proxectos estivera sempre baixo a responsabilidade de mulleres. Historicamente as montaxes foron dirixidas por Ánxeles Cuña -ata que a súa entrada na actividade política a levou a desvencellarse do grupo teatral, ao menos de forma temporal- e tamén exerceu como directora Fina Calleja. Logo da renuncia de Cuña foi Ana Vallés quen asumiu a responsabilidade de pór en escena O rei morre.

Dani Salgado (Vigo, 1974) conta cunha ampla traxectoria teatral. Ten desenvolvido proxectos como director, dramaturgo ou axudante de dirección en Cataluña - Teatre Lliure e Teatre Nacional de Cataluña- e Galicia -en varias montaxes do Centro Dramático Galego e coa Real Filharmonia de Galicia-.

Con Celebración. A gran noite Fernando Dacosta volve asinar o orixinal que pon en escena Sarabela: «Algo que fago por vez primeira neste século XXI, xa que si fun autor dalgunha das obras representadas polo grupo hai anos», dixo Dacosta.

En Celebración hai cinco protagonistas que loitan por estar na mesma, nesa gran cita á que todo o mundo quere ir mais poucos son os que o conseguen, e menos os que aparecen na fotografía. Estar é esquecer as miserias cotiás -o non ter para xantar ou a imposibilidade de relacionarse- e ser alguén na sociedade. Aínda que chegar a unha celebración non significa participar na mesma. E aí é onde, se cadra, chega o momento de loitar.

 

Texto de Dacosta. «Celebración. A gran noite» é unha obra orixinal de Fernando Dacosta.

Horarios. A obra representarase no Auditorio de Ourense os días 20 e 21 ás 21.00 horas.

Agadic. A montaxe contou con axuda da Xunta.