«Decidín rescatar a figura de Xoán Pla Zubiri para facer accesible a súa obra»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE CIUDAD

SANDRA ALONSO

Emilio Xosé Insua recupera unha personaxe descoñecida agora, pero clave no Trives hai un século

13 sep 2018 . Actualizado a las 14:39 h.

O Auditorio Julio Vázquez de Trives será escenario mañá da presentación do libro O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936), de Emilio Xosé Insua (Viveiro, 1967). Este quixo rescatar do esquecemento unha figura que tivo unha fonda relación con Trives.

-¿Por que se fixou nel?

-É un autor nado en Viveiro, que é a mesma vila onde nacín eu. Entón, xa na época que estiven en Compostela escribín un pequeno traballiño sobre el e quedoume un pouco a espiña de que este home tiña unha cantidade de obra dispersa por revistas, por periódicos locais... Ao morrer meu pai, hai dous anos, decidín como homenaxe póstuma facer unha biblioteca de libros de temas relacionados con Viveiro e tiña moito material reunido sobre Pla Zubiri. A idea foi non so estudar ou intentar reconstruír a súa peripecia, obra e características senón que decidín rescatar a súa figura para facer accesible a súa propia obra.

-¿É difícil de atopar?

-Si. Publicou dous libros en vida de literatura, un poema longo de 1917 con prólogo de Antonio Rey Soto e unha noveliña no ano 26 na colección Lar da Coruña, pero son dous libros que, ou vas a bibliotecas moi especializadas, como a Academia Galega ou a Fundación Penzol, ou non se encontran. Como xa está caducado o tema dos dereitos de autoría, non hai impedimento en reunir os seus textos e facer un volume con eles.

-E descubriu a súa relación con Trives...

-Si, nesa rebusca de materiais sobre el atopo un filón relacionado directamente con Trives porque el viviu durante bastantes anos en Trives, casou alí, tivo familia... Así, aínda que o ataquei, diriamos, pola parte viveirense, ao final atópome que tivo moito vínculo con Trives e escribiu moito sobre Trives.

-¿Foi boa a relación, entón?

-Pois el chega a Trives acompañando ao seu pai, que se chamaba Juan Pedro Pla, que chega destinado como xuíz en 1889. Nese período el é estudante de Dereito, primeiro en Compostela e despois en Valladolid e os veráns pásaos sempre co seu pai en Trives, o cal fai que se relacione moito coa jet set de Trives daquela época, empezando pola familia do marqués de Trives, os Alvarado, e despois cos Ancochea, Heliodoro Gallego Armesto... E nunha das festas liga coa filla do entón alcalde de Trives, que era farmacéutico e se chamaba Camilo Cortiñas, e casa. Queda alí arraigado e aproba as oposicións de rexistrador da propiedade. Ten que andar por diferentes destinos pero finalmente logra a praza en Trives e vive ininterrompidamente ata 1921. Entón houbo un escándalo social moi grande porque se lle coñece a este home unha infidelidade matrimonial cunha rapaza do propio Trives e o escándalo é tan maiúsculo que aí hai unha ruptura familiar e el pide o traslado para Xixona en Alacante e xa nunca máis regresa a Trives.

-Cuestión delicada.

-Foi complexo de abordar, pero teño que dicir que falei con catro descendentes distintos de Xoán Pla: con un bisneto, un neto, cunha sobriña e cunha irmá. En Trives non queda ninguén.

-¿Como son as referencias literarias a Trives que fai Pla?

-Exalta moito a súa beleza natural, paisaxística, e ten un grande interese en salientar o ambiente selecto que se respira no Casino de Trives ou no pazo dos marqueses. Ten varios artigos onde describe incluso os interiores do pazo, a decoración, o mobiliario, o ambiente das soirées... Pero o máis valioso para min, ou polo menos o que me parece máis relevante, porque deixa produtos culturais moi considerables, é que en Trives el e a súa muller Estrella van ter unha relación moi forte de amizade cun músico que é Ricardo Courtier, que acabou sendo director da banda de música de Ourense. El foi o gran inspirador do grupo de gaiteiros que son os cracs daquela época, Os Trintas de Trives. E en 1905 Pla Zubiri escribe unha poesía musicada por Courtier que vai ser publicada pola sociedade xeral de autores en Madrid. Atopei esa partitura e no libro vai reproducida xunto co poema coa intención de que algún musicólogo ou algún grupo queira rescatala