O deporte une aos maiores coas persoas con dano cerebral adquirido

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O cachibol convértese nunha ferramenta útil para ambos colectivos

20 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hábitos de vida saudables e libres de barreiras. Dous criterios fundamentais para obter un bo nivel de calidade de vida no día a día, que medran en importancia cando nos referimos a unha parella de colectivos en risco de dependencia e nunha situación de diversidade de capacidades: as persoas maiores de 65 anos e aquelas que teñen dano cerebral adquirido (DCA).

O cachibol é un deporte adaptado que se basea no voleibol. É adaptado porque os equipos son reducidos, mixtos, os xogadores e xogadoras poden coller o balón coas dúas mans, e dispútase en campos que están separados por unha rede de altura adecuada para as posibilidades das persoas que participan. E baséase no voleibol polo obxectivo do xogo: pasar o balón por riba da rede tratando de que chegue ao chan do equipo contrario.

Un grupo de persoas usuarias de Renacer, a asociación de dano cerebral de Ourense, leva meses compartindo unha sesión quincenal de cachibol con membros do centro de día Alborexo. As persoas con DCA levan a iniciativa desta actividade, instruíndo na destreza deportiva aos usuarios e usuarias do centro de día para maiores. Esta colaboración prodúcese no contexto do proxecto «Rede de apoio mutuo a persoas maiores e con DCA» que promove a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) co financiamento da Obra Social La Caixa.

O proxecto ten como obxectivo multiplicar os beneficios de facer voluntariado a través do intercambio, dentro da estratexia xeral de Fegadace de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral. Ao faceren voluntariado, as persoas con DCA desenvolven a súa autonomía persoal -reforzando as súas capacidades, o que repercute positivamente, sen ir máis lonxe, no seu grao de independencia no día a día- e vincúlanse a unha necesidade social como é a de apoiar ás persoas maiores e afastalas do risco de illamento. Participar e sentirse útil mellora a autoestima, o que repercute positivamente, de maneira circular, no benestar e recuperación das persoas con DCA.

Pero nesta iniciativa non só fan voluntariado os usuarios e usuarias das asociacións de Fegadace. En paralelo, as entidades federadas buscan persoas maiores de 65 anos que queiran facer voluntariado nas asociacións de dano cerebral, dándolles a oportunidade de canalizar a súa enerxía e experiencia vital no apoio a un colectivo en risco de exclusión.

En Ourense é Renacer a asociación que capitanea a Rede de apoio mutuo, pero este proxecto lévase a desenvolver durante todo o ano tamén na Coruña, Lugo, Santiago e Vigo. O deporte é unha constante no proxecto: persoas con DCA de Santiago ou Lugo adestran en boccia (outro deporte adaptado) a grupos de maiores, ao tempo que os membros de Alento, a asociación de dano cerebral de Vigo, reciben aulas de petanca dun club de xubilados da mesma cidade. O proxecto inclúe tamén iniciativas de acompañamento en centros de día e residencias de maiores, obradoiros de cociña nos que as que pasan de 65 anos ensinan os seus trucos culinarios ás persoas con DCA, ou diferentes iniciativas de intercambio de formación.

Fegadace constitúese en maio de 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido -unha discapacidade causada sobre todo por ictus e traumatismos cranioencefálicos- e dos seus familiares.