Souto recupera a súa galería de arte

O espazo expositivo de Paz Nóvoa organizará varias mostras ao longo do ano


ourense / la voz

Houbo un tempo, van alá case que corenta anos, no que Marcos Souto contaba cun espazo expositivo onde se organizaban regularmente mostras de artistas e se amosaban as obras que estaban á venda. Uns 38 anos despois, a histórica tenda da praza de Paz Nóvoa recupera a súa galería de arte, aínda que nesta nova etapa a faceta expositiva -de organización de mostras de artistas- terá un papel secundario e a zona incorporada á tenda será empregada como lugar para amosar os fondos que Marcos Souto ten á venda para que os poidan ver as persoas interesadas na adquisición dunha obra de arte.

Luís Souto -que realmente se apelida González Pato pero que emprega o nome co que o coñece todo o mundo por manter o legado da empresa Souto xunto co seu irmán- dubida á hora de poñer datas, aínda que axiña fai un cálculo mental e concreta: «A galería de exposicións estaba neste mesmo local, no que ata hai uns meses había unha axencia de viaxes, e pechouse hai uns 38 anos». Máis ou menos os que leva el vencellado ao negocio familiar, aínda que como pasa nestes casos de relevo xeracional, xa se perden as contas: «Realmente podo dicir que estou dende sempre porque xa viña axudar desde que era un rapaz».

De Quessada a Seidel

Marcos Souto é un negocio familiar que leva dende a década dos 60 vinculado ao mundo da arte. En tempos houbo varias tendas por distintas zonas da cidade e na actualidade manteñen a marca os establecementos de Ourense e Vigo, e o taller que está ubicado en Seixalbo.

A nova galería de arte de Paz Nóvoa conxugará a súa faceta como centro expositivo das pezas en venda coa organización dalgunhas mostras puntuais. «En principio contamos facer tres ou catro ao ano. A primeira será polo Nadal e centrarase en obras de pintores galegos», sinala Luís Souto.

Cunhas cantas décadas de experiencia ás costas, lembra que a pintura galega foi o sinal de identidade da casa. «Quessada, Virxilio, Falcón, Prego, Laxeiro, Pousa, Vidal Souto, Marieta Quesada, Colmeiro, Sucasas e outros foron artistas que tiveron sempre presenza. Nos últimos tempos hai unha importante demanda de obras de artistas como Isabell Seidel, Óscar Cabana e Miguel Piñeiro, entre outros», sinala. Á hora de facer un balance rápido non hai dúbida: «Quessada sempre foi o que tivo unha maior demanda entre os ourensáns, e logo Prego».

A escultura representou, de sempre, unha cota importante na actividade de Marcos Souto. Buciños, Arturo Baltar, Ramón Conde e Tino Canicoba son os artistas cos que máis se leva traballado. E nas preferencias dos ourensáns Buciños e Baltar ocupan un lugar destacado. Dos novos creadores Moxom é outro dos nomes que se teñen incorporado ao catálogo de Marcos Souto.

A crise afectou ao mercado, como a todo, mais Luís Souto sinala que existe un perfil de comprador de arte que se mantén na cidade. Facendo un percorrido por estes case que corenta anos vencellado á empresa familiar, sinala a venda dun cadro catalogado de Jenaro Pérez Villamil como a operación da que garda un especial recordo. Na outra beira da balanza está unha peza de Sotomayor que deixou escapar.

Mais esas son historias que forman parte do pasado e dende a nova galería de Marcos Souto xa se amosa o traballo dos creadores para que Paz Nóvoa volva a ter outra fiestra á arte galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Souto recupera a súa galería de arte