«Sobran todas as esculturas que hai na cidade, o único que fan é estorbar»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O artista creou tres pezas para conmemorar os cincuenta anos de historia de Viña Costeira

22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda Acisclo Manzano (Ourense, 1940) enguedellado en mil cousas. Coma sempre. Non dá parado e matina proxectos a desenvolver, propostas que poderían ser de interese para diferentes espazos e mudacións -«as pezas que cedes e non lle dan o trato que se merecen hai que cambialas para onde saiban aprecialas e se amosen con respecto ao traballo do artista»-. Dende a tranquilidade dunha vida chea de experiencias, amósase a un tempo crítico coas institucións e coa profesión, tampouco aforra na autocrítica, e mira cara ao 2020: «Teño que facer unha boa exposición para celebrar os 80 anos». Súas son as esculturas que campan nos viñedos da adega Viña Costeira e foron creadas para celebrar o medio século de historia do proxecto.

-Como se xestou a iniciativa para a intervención da adega?

-Chamáronme para convidarme a facer algo porque coñecían os traballos que teño feito nesta etapa -refírese aos realizados en Compostela en homenaxe aos docentes represaliados e ao de Blanco Amor na Insua dos Poetas- e o que fixen foi crear unhas pezas das que estou satisfeito polo lugar no que se atopan: entre os viñedos e co val de Castrelo de Miño como pano de fondo.

-Semella que hai posibilidade de manterse a colaboración.

-Podería ser, aínda que non son partidario de falar de proxectos que se poden, ou non, facer. Só dos que se materializan. O resto non importa.

-Mantén nos últimos tempos que habería que retirar as esculturas dos espazos públicos.

-É algo evidente. Fóronse poñendo cousas por aquí e por alá e hai que ter en conta moitas obras para integrar unha peza, non é colocala e xa está. No caso de Ourense sobran todas as esculturas que hai na cidade, o único que fan é estorbar.

-Vostede ten varias.

-Cando digo todas refírome a todas. Teño obras por moitos espazos da cidade e a que está no Paseo, entre outras, o único que fai é estorbar. A única escultura que realmente está ben integrada no seu espazo e que é exemplo dunha boa intervención, para min, é a do Padre Feijoo. Porque mira... (empeza a repasar e pon argumentos e obras enriba da mesa).

-Sabe realmente cantas obras súas hai na cidade?

-Non. Teño cinco cristos repartidos por varias igrexas -e ata me piden máis porque disque son milagreiros... ata no Corpiño hai varios!- e logo pezas dende o propio Miño ata os maios que están repartidos pola beira dos ríos e que nunca foron inaugurados. E en prazas, parques, edificios. Moitas.

-Volverán as Donas do Varón ao seu lugar?

-No Eixo do Ribeiro teño catro esculturas e dúas foron retiradas para restaurar. No caso da do Varón foi moi maltratada, botei tempo dicindo que había que arranxala e non me fixeron caso e logo chegaron un día e tiraron con ela. Era partidario de sacala de alí, mais cando se comentou os veciños do pobo protestaron e tamén o fixeron algúns partidos.

-Cal é a súa peza preferida?

-Ningunha. Sempre digo que a última, mais non é certo. As que me importan son as están comigo na casa dende hai anos. Algúns anda con iso de que ‘tal obra foi coma un parto, canto sufrín!’. E eu resposto sempre: Ti es parvo, parir polo de agora só o fan as femias, nós non!. Fas unha peza e xa está, a outra cousa.

«Haberá unha obra miña nun espazo público da cidade de Vigo»

Hai tempo que Acisclo Manzano camiña polos vieiros da descrenza. Mantén que non é artista, que a etimoloxía do seu nome xa o explica todo e que, xunto co seu amigo Buciños, representa un legado -o dos «artistiñas» -que vai camiño de desaparecer: «Aí estamos. E mentres a cousa siga así madia leva!». Non fala de proxectos mais sempre anda en xuntanzas e iniciativas para crear pezas: «Agora non traballo que son un xubilado. Xa o fixen, o chollo, e de sobra. A miña primeira exposición foi no 1960. Xa choveu».

-Ao final como quedou a polémica das exposicións no Marco de Vigo?

-Nin teño problema ningún nin participo de polémica de ningunha caste. A min chamáronme un día para propoñerme entrar nunha colectiva de vinte artistas e logo, con posterioridade, íase facer unha mostra individual de cada un deles de forma sucesiva. E empezou unha campaña contra o Concello de Vigo e disque dos vinte só quedamos tres, ou menos.

-O outro día aparecía a imaxe dunha xuntanza con Caballero.

-Non tiña nada que ver con iso nin falamos de tal cousa.

-Que obxecto tiña o encontro?

-O alcalde chamoume e díxome que non entendía como era posible que non houbese unha escultura miña en Vigo. Resposteille que era certo, aínda que non exacto, porque ma encargaran alá por 1990 ou 1991. Daquela presentei o boceto, e pagáronmo, pero logo houbo cambios no Concello e nunca se fixo. Mandou buscar a documentación e apareceu.

-E vai facer a peza que propuxo daquela?

-Era unha escultura de vinte metros de alto, por tres de ancho, en bronce. Hoxe non ten sentido. Haberá unha peza miña nun espazo público de Vigo, aínda que será outro proxecto porque a proposta de hai case trinta anos xa non ten sentido.