Carlos da Aira: «Fuxo do artificial e coido as metáforas»

OURENSE CIUDAD

CARMENBLANCO

O autor alaricano acadou o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra «Prender os fachos, compoñer os ósos»

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ourense anunciaba onte a decisión do xurado do Premio Cidade de Ourense de Poesía e a mesma foi a de conceder o galardón ao poemario «Prender os fachos, compoñer os ósos», de Carlos da Aira. O interesante vocabulario, as súas metáforas, o fuxir do artificialismo ou a capacidade para transmitir a súa mensaxe «denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos tempos que corren» foron aspectos que salientou o xurado. Como moitos dos alaricanos, o autor naceu en Euskadi mais volveu ao pobo dos seus pais de cativo.

-Andivo estes días presentando «Corpo a corpo» por Allariz e Amarante. Este será o seu novo poemario?

-Estiven tamén en Ourense e Vila do Conde co mesmo, aínda que non é un si mesmo un poemario, foi un conxunto de nove pezas que fixen con Poética Edições pola relación que manteño con Portugal e Cabo Verde, e coa escritora Virgínia do Carmo.

-Xa se tiña presentado ao Cidade de Ourense?

-Non. Só me presentei ao Galicia de poesía; foi hai tres anos pero creo que a obra non estaba preparada para presentar. Esta é a primeira vez, daquela fora para probar, e entreguei o traballo o último día no Concello de Ourense.

-O xurado destaca a súa capacidade crítica?

-É un poemario que denuncia as políticas que levan ao despoboamento, as desacertadas actuacións que se están a levar a cabo contra a lingua galega e que incide na realidade que se está a vivir en Galicia e no rural. Tamén se fala do esquecemento do pasado, nas consecuencias da Guerra Civil e o fascismo e aspectos como o auto-odio, a perda da propia identidade, o desleixo pola cultura -que nos define e nos diferenza das bestas- e a perda de respecto á terra, á paisaxe, á natureza...

-Tamén se refiren ao interesante vocabulario e ao conxunto de belas metáforas.

-Iso é algo moi acertado e que me satisface de maneira especial porque fuxo da linguaxe artificial e traballo e coido moito, de forma consciente, as metáforas que emprego na miña poesía.

-Traballa nalgún proxecto?

-Teño un libro para publicar -levará o orixinal en galego e a versión en castelán- mais como aínda non está pechado o acordo prefiro non falar del.