O OUFF volve aos problemas

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A actividade cultural de cidade de Ourense vai camiño de ser unha braña na que pouco máis que agua -termal ou da outra- e herba ruín vai haber. O Concello non foi quen de dar resposta a un escenario de conflito que xa estaba enriba da mesa o pasado ano e que, neste, rachou sen xeito de continuidade. Logo de dúas edicións xestionando o OUFF, o seu director e a produtora remataron por renunciar a seguir levando o festival de cine ao non ter unha oferta formal que lle garantise a consolidación do proxecto. E o certame volve ao punto de partida da crise de identidade que tantas veces o ten marcado e que o leva condenado a unha reinvención cíclica e, ao mesmo tempo, a non ter a continuidade, consolidación e proxección que levan acadado proxectos con moitos menos anos no circuíto audiovisual. A responsabilidade dos políticos é xestionar e dar solucións, postura coincidente nas reclamacións para atopar unha saída para o festival, e de pouco vai valer que se poñan sobre a mesa nomes e representacións laborais para ter un espazo onde situar o miolo do problema.

O OUFF está sen dirección e sen solución de continuidade ata o vindeiro ano, varios proxectos de festivais de música e teatro corren risco de ter os mesmos conflitos -ou maiores- que veñen de padecer polas esixencias e o festival de fotografía máis antigo do Estado podería desaparecer polo silencio administrativo e a negativa a aboar a subvención comprometida. Triste herdanza e mérito conseguir o que nunca tal lograron os máis reaccionarios coas súas ameazas, censuras e vetos.