Unhas festas para vivir a cidade

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias Otero

Ourense ofrecerá un programa que aposta polos grupos galegos e as verbenas

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unhas festas para gozar da cidade, para que os veciños e visitantes confraternicen, para apostar pola música ourensá -e galega- e para contar con actividades para todas as idades. Así as definiu onte o alcalde, Jesús Vázquez, na presentación das Festas de Ourense. Nove días de citas lúdicas, do 23 de xuño ao 1 de xullo, no que «concertos, atraccións, actividades infantís, teatro de rúa, propostas gastronómicas e un intenso calendario de citas deportivas farán que cada día teñamos unha chea de opcións para escoller», sinalou o alcalde. Tamén se referiu de xeito especial a aposta «pola rúa coma o mellor escenario, a través de verbenas coas mellores orquestras de Galicia, a celebración da Feira Histórica e cunha nova edición da tradicional Batalla de Flores».

Abre Cristina Pato

Na presentación das Festas de Ourense o alcalde salientou a presenza de Cristina Pato como pregoeira das mesmas. Unha cita que terá lugar o sábado 23 -ás 22.00 horas na Praza Maior- e para a que se contará «coa gaiteira galega máis internacional».

En total serán máis de noventa actividades, ao longo dos nove días de festa, e nas mesmas están programados trinta e nove concertos en escenarios da cidade como a Praza Maior, as prazas de San Martiño e do Ferro, a Alameda do Bispo Cesáreo e o Xardín do Posío.

Un programa, que foi presentado no Concello de Ourense, que se fará posible cun orzamento de algo máis de 420.000 euros e que incluirá dende os concertos dos grupos de primeira liña a nivel estatal á aposta pola música que se fai en Ourense e Galicia, ademais de proposta xa consolidadas como o Ourense Dance, o teatro de rúa, as actividades para os cativos e as verbenas.

De Rosendo a Minimalia

Nesta liña o alcalde de Ourense lembrou onte que do 23 de xuño ao 1 de xullo «haberá nomes de primeira liña, como Sidonie, Indomable ou Rosendo Mercado, pero a nosa aposta máis importante vai ser pola música

made in Galicia

. Ademais porase un especial énfase en reivindicar e dar a coñecer ós artistas galegos a través de varios concertos na Praza Maior, coma o espectáculo Sons da Auria a cargo dos ourensáns Silvia Alonso, Daniel Minimalia e Emilio Rúa (o 27 de xuño); e as actuacións de Xestreu e Treixadura (o 28 de xuño) e de Guadi Galego, o sábado 30 de xuño».

Como citas xa consolidadas e de gran atractivo houbo referencias, tanto polo alcalde como pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, ao Ourende Dance ou á Feira Histórica da zona monumental -que abrirá as súas portas o 28 de xuño- e incidiuse dunha maneira especial na celebración da tradicional batalla de flores «unha actividade recuperada polo actual grupo de goberno», lembrou Vázquez Abad.

Un amplo programa deportivo e de propostas culturais complementarán os concertos, propostas gastronómicas, verbenas -serán de novo no Progreso- e actividades de rúa.

Como novidade inclúese este ano o espectáculo Midnight Paint Party, un «evento que aposta por unha mestura da música de recoñecidos DJ’s con actividades de pintura», segundo apuntou o rexedor municipal.

O día 30 de xuño celebrase, por primeira vez, un espectáculo de música e pintura

Haberá unha importante presenza no programa de bandas locais