Javier Pardo: «Foi un reto pasar a gran velocidade tal como estaban as pistas no rali»

O piloto alaricano do certame nacional retirouse por unha avaría pero valora que correu a un bo ritmo malia as condicións extremas

.

Javier Pardo é o piloto ourensán do momento e así chegaba á proba da casa, o Rali de Ourense que se celebrou esta pasada fin de semana. Malia o seu bo comezo, unha avaría na dirección asistida do seu Suzuki fixo que se tivera que retirar. Viña como terceiro na clasificación xeral do campionato nacional de asfalto. Logo deste abandono, Pardo mira ao futuro próximo, o Rali de Ferrol, unha proba que coñece ben, e valora positivamente a súa participación na cita ourensá.

-Que supuxo este Rali de Ourense como proba, e de cara ao campionato?

-Ao ser o rali da casa era moi emocionante para min e importante a nivel persoal. Valóroo positivamente por ter podido levar un bo nivel. Por outra parte, foi unha pena por ter que abandonar nos últimos compases da proba, indo terceiro clasificado nacional, primeiro da categoría R5 e primeiro júnior. Aí foi o malo, do resto moi ben, estamos contentos co ritmo que levamos, co equipo e cos patrocinadores. Foi unha pena, pero polo equipo estou contento e dou a noraboa ao compañeiro Vinyes porque el foi quen ocupou o sitio que deixei libre e polo menos un coche do equipo quedou ben. En canto a temporada, vai mellor do que esperaba a principio do ano. Seguimos terceiros no campionato, pero é moi longo e a ver.

-Que tal se atopou co coche?

-Esperamos facer un bo papel proba a proba ir mellorando e collendo mellor ritmo. Con este coche é a terceira carreira e pouco a pouco terán que ir vindo mellores resultados e mellores sensacións. Esperamos afrontar a segunda parte da temporada e a ver se acompaña a sorte. Aquí puxen todo do meu lado e algo que non dependía de min -unha avaría mecánica que lle pode pasar a calquera- fíxome quedar fora no antepenúltimo tramo. O coche foi feito na casa por un equipo moi humilde e é moi competitivo, está a escasos segundos dos da categoría R5 fabricados por marca e enxeñeiros, o que é de admirar. Síntome cómodo e imos collendo ritmo. Aínda levamos poucos quilómetros con 4x4 en asfalto.

-Que lle dixo seu pai, que tamén foi piloto?

-Dixo que era unha pena e un chasco acabar así, pero que dentro do malo sempre é mellor abandonar por un motivo así que por unha saída ou algo peor. E que a pensar na seguinte.

-Que espera da próxima proba en Ferrol?

-Pódeseme dar ben. É un rali que me gusta. É a cuarta vez que o vou facer e é na casa dun dos patrocinadores, o que resulta moi emotivo para o equipo; está ao nivel de Ourense.

-Foi este un rali máis duro pola chuvia e os tramos nocturnos?

-Este rali xa é duro en seco. Con chuvia nalgúns momentos había condicións extremas para correr, foi moi complicado chegar a onde chegamos o sábado pola tarde. Algúns quedaron polo camiño. Sempre pode haber problemas nun rali tan largo e duro. Adoita ser duro pola calor para os vehículos e os neumáticos. Esta vez sufríamos os pilotos polas condicións. Foi un reto pasar a gran velocidade tal como estaban as pistas no rali. Estivo moi ben a organización da escudería. En canto aos tramos, é do mellor do campionato.

-A pesares da chuvia, notou o calor do público?

-Teño a sorte de que me apoia e me anima moita xente. Son un dos referentes ourensáns que quedan a nivel alto, loitando por clasificación xeral. Oxalá houbera máis.

-Nun chío en Twitter loubou que dera Yosi de Los Suaves a saída.

-Temos que presumir de artistas como son Los Suaves. O deporte pode estar xunto ca música, sempre é bo para todos, para o rali e para eles.

-Como viu aos rivais e ao campión Fuster?

-Fuster iguala as sete vitorias de Puras. É xente de altísimo ritmo, son tres pilotos moi bos pelexando pola vitoria en cada rali. De aquí a final de temporada pode haber moitos cambios e vai estar moi apretado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Javier Pardo: «Foi un reto pasar a gran velocidade tal como estaban as pistas no rali»