«Cando vou a un museo, acórdome de Marisa»

O presentador Rodrigo Vázquez destacaba nas Humanidades, pero as Matemáticas eran un óso duro de roer


ourense / la voz

Posiblemente poucos piropos poidan acaerlle mellor a un mestre que a frase que Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) solta, como sen querer, no medio dunha charla que transcorre en Carmelitas, o seu colexio de ESO e Bacharelato: «Cando vou a un museo, acórdome de Marisa».

Marisa foi a súa profesora de Historia e de Arte na adolescencia. É, para os miles de alumnos que pasaron polo centro de Pena Trevinca, «La Padrón», todo un símbolo docente que escolleu a xubilación non hai moitos anos.

Rodrigo, consolidado como presentador televisivo de programas despois de varias experiencias xornalísticas en radio e en informativos na TVG, percorre de novo o colexio e rescata anécdotas e sensacións nos corredores, nas aulas e ata na contorna, onde a panorámica sobre a cidade, co ciborio da catedral en primeiro plano, devólveo, de novo, a

Marisa.

«Ela ten paixón polo que fai e dotes de comunicación e eu espero que desas dúas cousas algo sacara eu para o meu traballo», lanza Rodrigo nunha síntese que esfarela en detalles a continuación: «Marisa ten tres cousas: Unha, é unha apaixonada do seu traballo e iso notábaselle. Agora

que traballo cunha cámara vexo que, se eu me divirto, a xente que me ve tamén se divirte. No colexio, a xente que ía xusta de notas dicía que Historia, con ela, non lle custaba. Dúas: explicaba moi ben, penso que porque é moi boa comunicadora, falaba ben, poñía énfase… e iso no meu

traballo tamén vale. E tres: daba Arte, que é o que nos uniu; dar Arte eu creo que é un luxo para un profesor e para un alumno debería ser necesario».

Marisa fuxe das louvanzas de Rodrigo, pero admite que a súa premisa era lograr a atención dos alumnos: «Tiña claro que o primeiro era que me atendesen, así que, se era necesario, facía bobadas para captar a súa atención».

Non lle resultou difícil cun alumno como Rodrigo, que puña por diante das veleidades da adolescencia a súa paixón pola Arte. «No colexio tiñamos unha cuadrilla que, en realidade, estabamos de campamento continuo -admite-. Gustábanos xogar a policías e ladróns… e os profes eran os policías. Eramos algo gamberros».

«Gamberros non é a palabra», retruca Marisa Padrón. «Eran trastes, pero educados. A ti recórdote rubito e cun sorriso pillo; eu diría que eras moi pillabán e moi solto xa daquela, pero sen deixar nunca a educación e o respecto. Penso que coincidistes un grupo de alumnos bos, que tiñan tempo de andar de campamento e de sacar boas notas».

Porque Rodrigo, que escolleu o seu futuro profesional tendo en conta que quería traballar en Galicia e en galego, foi un estudante de 10. Comezou Infantil e Primaria no colexio Albino Núñez, en Casardomato, e o traslado de vivenda familiar levouno, en 6º de Primaria, a Carmelitas. En Secundaria e Bacharelato, repasa a súa mestra, foi mellorando a nota media final en cada curso. E, desde logo, nas súas materias, Historia e Arte, o resultado non ofrece dúbidas: 10. «Facíame falta porque quería facer Xornalismo en Santiago e, ademais, Arte era, con diferenza, a materia coa que máis gozaba. Matemáticas non me gustaba nada, era o meu óso. Prefería ler dúas follas máis do libro de Arte que facer un exercicio de Matemáticas e os exercicios, se non os fas ao día, mal vas!».

«En Historia tamén era moi bo -comenta Padrón-. Facía moi bos comentarios de texto, que é o que máis hai que traballar para Selectividade. E en Arte, a min sempre me pareceu importante meterlle a curiosidade no corpo aos alumnos, que aprendan a ver. E niso Rodrigo era francamente bo».

Bo e feliz, se de Arte falamos. «Vexo a Arte como moi necesaria, a xente non sabe o que está perdendo! Se eu estou de viaxe e vou a un museo, ao Van Gogh, por exemplo, acórdome de Marisa Padrón. Se vou a Florencia, se vexo a Boticelli, o sfumato… Todo iso non o desfrutarías sen saber algo de Arte! Por iso é importante a porta que o mestre lle abre ao alumno».

 De uniforme, sen verbena e cun proxector roto

As boas notas -e o uniforme dos primeiros cursos, que el odiaba levar- non deben ocultar a un Rodrigo sempre disposto a meterse nalgunha lea. Como aquela de pechar aos compañeiros na aula e agochar a chave nun armario, ou a de aproveitar un cambio de clase para disfrazarse de Rei

Mago… ou a de esnaquizar -accidentalmente, iso si- un proxector de diapositivas para enfado supino da Padrón.

Ela apenas lembra esas trasnadas, pero si unha actuación de Rodrigo como David Bisbal nas festas do colexio. Daquelas experiencias artísticas naceu un grupo de música que aínda hoxe perdura: «A música é a escusa para unha churrascada», ri Rodrigo. «E aínda que nós nisto non tivemos nada que ver, teño que dicir que o meu curso tivo a triste honra de ser o último en ter verbenas porque houbo alguén que se pasou e suspendéronas!». As verbenas volverían despois, pero Rodrigo xa andaba noutras festas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Cando vou a un museo, acórdome de Marisa»