Luar na Lubre pon música á Ribeira Sacra
A banda ofrece dous concertos no Teatro Principal de Ourense para presentar o seu novo disco
Hoxe e mañá • 21.00 (hoxe) e 20.00 horas • Teatro Principal • 20 e 25 euros (14 euros en clicentradas.es) • A banda liderada por Bieito Romero apostou pola volta ás orixes, a familia do músico coruñés procede de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, para converter en música a Ribeira Sacra. Un proxecto que mergullou aos membros de Luar na Lubre coa natureza, os seus sons e os seus sinais de identidade. A auga, o vento, as campás, o barallete ou os afiadores aparecen incorporados nas cancións que forman parte do disco «Ribeira Sacra». Os dous concertos que se celebran esta fin de semana no Principal, hoxe e mañá, serán o comezo dunha xira por todo o mundo: xa hai máis de trinta actuacións confirmadas para presentar «Ribeira Sacra» en Arxentina, Bélxica e Reino Unido, ademais de citas por toda a península.
De Víctor Manuel a Ses
No novo disco de Luar na Lubre participan Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfona), Belém Tajes (voz), Antía Ameixeiras (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor e djembé), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina e efectos) e Xan Cerqueiro (frautas). No disco, que conta con 26 temas, colaboraron Víctor Manuel, Ses, Coral de Ruada, Nani García, Marisa Valle Roso, Juan A. Antepazo (Astarot), Irma Macías, Félix e Castor Castro e Brais Maceiras, entre outros. Tamén acompañarán a Luar na Lubre nos concertos do Principal (Víctor Manuel só estará hoxe).
Comentarios