Reza reinvidicou a literatura de viaxes e os libros para nenos

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu no papel das feiras para dinamizar o sector


ourense / la voz

Ourense volveu atoparse onte coa cita anual da Feira do Libro. Unha convocatoria que mantén a súa aposta polo escenario máis acaído para a mesma, o Paseo, e que nesta edición conta cunha ducia de expositores. Ao longo de catro días desenvolveranse presentacións das novidades editoriais e haberá contacontos, obradoiros, recitais poéticos e unha exposición sobre a Historia de literatura fantástica.

A inauguración oficial desenvolveuse na tarde de onte e para a ocasión contouse con Xosé Benito Reza como pregoeiro. O autor de Terradentro salientou na súa intervención a importancia que para os nenos pode ter o acceso á literatura e lembrou como no seu caso ese amor polos libros naceu dos contos que lle traía o seu pai como agasallo cada vez que tiña que saír de viaxe por cuestións profesionais. Confesou que quedou abraiado cando lle trouxo El loto azul, da colección de aventuras de Tintín. Referíndose ao lema da feira deste ano, Ler sen fronteiras, incidiu na súa paixón pola literatura de viaxes e salientou o feito de que a mesma permite ao lector traspasar fronteiras e gozar dos espazos descoñecidos, das terras de África ás montañas de América ou as serras de Galicia. Rematou volvendo aos máis pequenos para animar aos país a que lles merquen libros.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, sinalou que «a Feira do Libro de Ourense é unha cita xa consolidada que contribúe a fomentar o hábito lector, ao tempo que axuda a dinamizar un sector fundamental para a cultura».

Para hoxe está prevista a presentación de libros de Pablo Nogueira, Cristina Carro e Cristín Ferro (18.00 e 19.00 horas) e un foro debate sobre Benposta (20.00 horas). Lizzie Quintas asina en Nobel (20.00 horas).

 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Reza reinvidicou a literatura de viaxes e os libros para nenos