Xuntos «X», un mundo mellor

Raúl Alfonso FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

Chema Moya

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano nestas datas, a Igrexa en España, volta ca famosa «X» da nosa Declaración da Renda: así poden pensar moitos. É certo que, grazas a estas campañas da Oficina para o Sostemento da Igrexa da Conferencia Episcopal Española, hai unha letra do noso abecedario que se está a facer máis famosa que outras. As letras, sabemos ben que son signos lingüísticos que transcriben sons á escritura, pero tamén son signos doutro tipo: por exemplo a nosa «x» tamén é signo de multiplicación; e ese é o significado que se quere salientar na campaña deste ano: «Xuntos por (X) un mundo mellor».

O que dende a Igrexa, neste ano, queremos salientar son tres ideas sempre presentes, pero que se queren actualizar dun xeito distinto: comuñón, multiplicación e progreso.

A palabra «xuntos», fai referencia á dimensión de comuñón que debe caracterizar a vida da Igrexa; precisamente iso mesmo é a Igrexa: Comuñón. Cando estamos xuntos ou nos xuntamos para algo, os resultados sempre son máis efectivos; cando nos sentimos familia, preocupámonos uns dos outros, medramos todos, os proxectos saen adiante. Isto mesmo ten que ser o espírito de corresponsabilidade que debe caracterizar a vida dos fieis católicos que viven na Igrexa en España: un dos signos de corresponsabilidade, de comuñón, de familia, é precisamente este sinxelo xesto de asignar para a Igrexa o 0,7 % dos nosos impostos.

A preposición «por» que nos cadra moi ben co signo multiplicador «X», fálanos de chegar a máis e de facelo mellor. Dende a Igrexa, non soamente se anima a asignar a casiña da Igrexa Católica, senón tamén a de «outros fins sociais», porque como di algún lema que circula por aí: axudas o dobre; a axuda multiplícase, o compromiso multiplícase. Tamén é preciso, neste sentido, mirar á vida das nosas comunidades parroquiais a Cáritas, Manos Unidas ou outras oenegés da Igrexa ou vinculadas a Congregacións Relixiosas e comprobar cunha sinxela mirada como se multiplica realmente cada euro que se recibe. Botar unha ollada á Memoria de Actividades da nosa diocese que se atopa no portal de transparencia da web do Bispado ou á Memoria Anual da Conferencia Episcopal, á de Cáritas ou de outras institucións e logo achegarse a comprobalo fisicamente, demóstranos a capacidade multiplicadora deste sinxelo signo da nosa Declaración da Renda.

E todo para facer «un mundo mellor», para facer o ben, e conseguir un progreso da humanidade, correctamente entendido segundos os valores que nos ensina Xesús. Deus encomendounos cooperar con El na obra da Creación e facémolo con toda a nosa vida, con todo o noso compromiso e sempre tentando que a obra que el iniciou vaia encamiñándose cada vez máis a ese Reino de Deus que Xesús anunciou: reino de vida, verdade, xustiza, paz… «que acadará a súa plenitude na Vida Eterna»; pero na mentres, os cristiáns non nos quedamos de brazos cruzados: queremos facer o ben, facer un mundo mellor. Tamén para isto asignamos esa «X» na nosa declaración, sendo moi conscientes que a Igrexa soamente recibirá para facer o ben o que as persoas decidamos, libremente, que ten que recibir ben mediante a asignación tributaria, os nosos donativos directos ou outras formas de colaboración. Tamén é importante destacar neste senso que os distintos gobernos recoñecen este traballo da Igrexa no progreso da sociedade, no facer o ben; por iso incentivan a colaboración ca Igrexa o mesmo que con outras organizacións sen ánimo de lucro á hora da practicar deducións fiscais significativas nas doazóns que facemos á Igrexa, a Cáritas ou a outras institucións sen ánimo de lucro e que aportan moito de positivo á nosa sociedade. Ás tres palabras anteriores: comuñón, multiplicación e progreso; soamente me queda engadir unha moi importante: Grazas. Como Igrexa diocesana queremos expresar a nosa gratitude por tanta axuda recibida e de tantas formas, que fai posible que sigamos loitando «xuntos por un mundo mellor».

Raúl Alfonso González é delegado episcopal para Asuntos Económicos no Obispado de Ourense.