Ourense recupera a faceta de Otero Pedrayo como cronista oficial da cidade

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O patriarca das letras galegas exerceu a responsabilidade durante dous anos e medio

24 abr 2018 . Actualizado a las 12:23 h.

Aproveitando varias efemérides -medio século do nomeamento, o Día do Libro e a celebración do «Abril oteriano»- o Concello de Ourense e a Fundación Otero Pedrayo, xunto coa secretaría xeral de Política Lingüística, presentaron unha publicación que recupera unha das facetas máis descoñecidas do patriarca das letras galegas: a de cronista oficial da cidade de Ourense. O volume, obra de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, recolle dúas pequenas publicacións; dunha banda a que se centra en Os Cronistas Oficiais de Ourense a través das Actas Municipais e, doutra, ‘Crónica do Vivir Xornaleiro’ de Don Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia foron nove os cronistas oficiais. Otero foi nomeado en 1967, tomou posesión do cargo o 29 de decembro dese ano, e exerceu dende xaneiro de 1968 ao San Xoán de 1970. A publicación reproduce o libro manuscrito de Otero, para recoller ao mesmo tempo os debuxos e adornos que facía aos seus apuntamentos, e como sinalou Afonso Vázquez-Monxardín o libro aporta anotacións interesantes sobre a vida da cidade naquel tempo e mesmo ás súas discrepancias con algunhas das actuacións municipais ou proxectos da cidade -como o traslado da escultura de Concepción Arenal para a rotonda do Pazo de Xustiza ou a construción da Torre-. Otero accedeu á figura de cronista oficial da cidade logo de Risco, que foi nomeado en 1931. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou a importancia histórica da publicación e o feito de que será material de estudo para os investigadores, ao contar con referencias acerca dos cregos que oficiaban en galego ou a primeira esquela que se publicou no mesmo idioma. Jesús Vázquez incidiu na importancia da publicación á hora de reivindicar a figura dos cronistas e o traballo inédito de Otero.

O «Abril oteriano» péchase o sábado cunha conferencia de Alonso Montero e un xantar

As actividades do «Abril oteriano» deste 2018 pecharanse o vindeiro sábado, día 28, cunha xornada que se desenvolverá en Trasalba. Na casa grande de Cimadevila, onde está a sede da fundación que mantén vivo o legado e a memoria do patriarca das letras galegas, encetará a xornada coa conferencia de Xesús Alonso Montero titulada «Os testamentos de Otero Pedrayo». Será ás 11.30 horas. Para as 13.00 horas está prevista a presentación da obra que onte se deu a coñecer no Concello: o libro «Cronistas oficiais de Ourense e ‘Crónica do vivir xornaleiro’ de Don Ramón Otero Pedrayo», de Afonso Vázquez-Monxardín. Rematará o programa do día, e con el o «Abril oteriano» do 2018, cun «xantar oteriano» no restaurante A Carballeira de Santa Cruz. Quen desexe participar no mesmo debe contactar coa fundación, chamando ao 988 28 11 39 ou escribindo ao enderezo fundacion.otero.pedrayo@gmail.com.