«Utilicei un poema do meu profe para ligar»

O actor Fer Gónzález descubriu en Salesianos, coa axuda de Gonzalo Bernardo, a arte do diálogo e o gusto pola literatura


ourense / La voz

Hai mestres que valen para todo. Para dar clases de literatura española, de inglés e de cultura clásica, por exemplo. E tamén para ligar… ou para formar parte dunha obra de teatro profesional. Todo iso é para o actor e músico Fer González (Ourense, 1984) o seu profesor de Salesianos Gonzalo Bernardo.

Non é que Gonzalo se trocase Celestina ou artista, quede claro. É moito máis sinxelo e tamén máis longo. Cóntao o Chino de Viradeira, ou o rockeiro de Priscila, que vén ser o mesmo: «En Salesianos eu xogaba ao baloncesto, non porque me gustase demasiado, senón por estar cos meus amigos. E alí estaba sempre Gonzalo que, ademais de darnos clases, era o encargado dos deportes. Nos descansos dos adestramentos, ás veces víame e dicíame: ‘Ven, que te voy a decir algo que te gustará’. E empezaba a recitar un poema, pero non un poema calquera, era un problema con truco, como un trabalinguas». Eran poemas con algunha dificultade especial que, lembra Gonzalo, «Fernando memorizaba rápidamente, tenía muchísima facilidad».

O caso é que Fer incorporou un deses poemas escolares á obra Resaca, que vén de recibir catro premios Mestre Mateo. E antes diso, cando aínda non fuxira da adolescencia, recorreu ás armas de Gonzalo para a conquista: «Estaba cunha rapaza e díxenlle: ‘Un profe que me caía moi ben aprendeume esta poesía’. Reciteilla, ela botouse a rir e empezamos a saír!».

Era El mosquito del vino, un enrevesado poema de Quevedo que resoa de novo no colexio salesiano nas voces de Gonzalo e Fer, coordinados e divertidos, como se fose onte: «Tudescos moscos de los sorbos finos, caspa de las azumbres más sabrosas…»

O escenario do salón de actos e o arrecendo do ximnasio espertan en Fer González o rapaz que foi en Salesianos: «Eu cheguei aquí con 5 anos e marchei con 18. Agora vou cumprir 34 e póñome coma un neno lembrando todo isto». Os corredores, di, están idénticos. Os percheiros das aulas son os mesmos. Os chanzos das escaleiras que baixan ao bareto… Todo compón a escena teatral dunha etapa da súa vida. «Hai algo cinematográfico nesta parte do colexio -afirma mentres busca a sede da agrupación xuvenil Amencer-. Parece como a peli O orfanato».

En Amencer Fer foi usuario e despois monitor: «Organicei varios anos a fin do campamento e o teatro». Foi tras un festival Boscomusic, xa sendo exalumno, cando naceu o seu grupo de rock, Sen Motivo, hoxe Priscila. E foi nese mesmo salón de actos onde representou Romeo e Xulieta, a súa primeira obra como actor afeccionado co grupo de teatro da Casa da Xuventude.

Á Casa chegou de casualidade pero, «ao saír da primeira clase, xa estaba captado para a interpretación», asegura. Daquela estudaba 2º de Empresariais, pero ese curso de teatro cambiouno todo. «Estaba facendo esa carreira por inercia, por aquilo das saídas, pero, ao empezar a facer teatro, foi a primeira vez que atopei algo que me gustaba e que se me daba ben». Así que ese verán do 2006 presentouse ás probas de acceso á Escola de Arte Dramática. Un cartel de Teatro do Noroeste para un cásting levouno á súa primeira experiencia profesional, e así ata o 2011. Despois veu Il Maquinario Teatro e todo un mundo que hoxe se multiplica en cine, teatro e televisión.

Na prehistoria desa paixón está Gonzalo Bernardo, o profesor que logrou un oco na vida de Fer entre canastra e canastra: «Con esas poesías que me recitaba nos adestramentos empecei a coñecer o mundo da literatura. E creoume unha sensación de empatía con el dentro da aula. De feito, nunca fun bo estudante, pero as miñas mellores notas eran con Gonzalo. Desenvolvín un interese por ler que non sabía onde me ía levar, pero que estaba aí. Empecei a ler as traxedias gregas e gustábanme. Dábame ata vergoña dicilo porque na miña xeración estabamos desculturizados; realmente, foi un interese moi clandestino». En Gonzalo había unha cara escénica que Fer advertiu: «Un profesor faise crible por como fala, por como explica… E iso é teatro. De Gonzalo gustábame a súa forma de expresión. Na aula era cativador e atraínte e, de repente, fóra da clase tiña unha parte divertida».

«Fernando era un chico alegre, al que le gustaba divertirse. Nuestra relación fue más fuera del aula, en el patio o en el gimnasio, que dentro»

«Gonzalo descubriume o mundo da literatura, e espertou en min o gusto polos diálogos e por todo aquilo ao que agora me dedico»

«Pasaba bastante desapercibido, era dos que se sentaban no medio da clase»

Mestre e alumno coinciden en que Fer era un estudante que non destacaba nin para o bo nin para o malo: «Eu pasaba bastante desapercibido, era dos que se sentaban no medio da clase; nin cos rebeldes dos líos gordos de atrás nin cos de adiante».

Era dos que non se lles daba nada nin especialmente ben nin especialmente mal. Bernardo lémbrao coma un rapaz «muy alegre, al que le gustaba la diversión, creo yo. Tengo más recuerdos suyos de fuera que de dentro del aula: en el patio, en el gimnasio… Tenía mucho gusto por la poesía y era muy bueno recitando, lo captaba enseguida».

Fernando asinte: «En realidade, eu era un pallaso, no bo sentido. As reunións dos meus titores do colexio coa miña nai sempre eran o mesmo: ‘Es muy bueno, es muy inteligente, pero siempre está intentando hacer la broma y despistado’. Así era eu!».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Utilicei un poema do meu profe para ligar»