«Cando levaba a Otero a Trasalba ía de vagar para poder escoitalo máis tempo»
OURENSE CIUDAD
O artista mantén viva, xunto a Acisclo Manzano, a memoria de «Os artistiñas»
08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Anda Buciños enleado nestes días entre médicos e instalacións sanitarias, unha circunstancia que o fai pasar máis tempo en asuntos relacionados coa saúde que no seu estudio. Un espazo ao que volve por paixón -«para min é unha necesidade. Teño moitos proxectos que desenvolver e cousas por facer»- este artista que mantén acesa a vitalidade, o sorriso e a cordialidade que sempre o caracterizaron. E a súa condición de engaiolante conversador, quizais froito daquelas tertulias do café Miño, do Tucho e das horas apuradas xunto a Otero Pedrayo e outros intelectuais e artistas ourensáns.
Dende o seu pobo natal de Buciños, onde mantén a casa familiar, chegou á cidade en 1949 para estudar no instituto: «Alí só había unha escola rural, daquela o pobo non tiña nin luz nin estrada, e mandáronme cos meus tíos aquí á beira. Rúa de San Pedro 24, aínda o lembro». Logo marchou a Madrid para facer Belas Artes, era o 1955, e ao rematar andivo cinco anos viaxando e traballando na cidade. Ata que colleu o camiño de retorno. Lembra nidia aquela etapa e as súas pezas. «Traballei moitísimo en Madrid. Tiña experiencia coa madeira, de enredar no taller de ebanistería do meu avó e de meu pai, e daquela chegáronme unha chea de encargos. Moitos santos e traballos relixiosos fixen! Era o choio que había daquela, non se facía outra cousa». O balance non pagaba a pena; tarefa arreo nunha cidade dura e cara. E o artista mozo está de volta no 1965.
Xa morrera Risco mais o grupo dos que el alcumou como «Os artistiñas» amosaba toda a súa vitalidade e agromaban as ideas e as propostas. O Tucho, revirado en O Volter por iniciativa do desaparecido intelectual, era o seu espazo de convivencia, tertulias, intercambio de ideas, confidencias e proxectos.
A chave era o bronce
Aínda que escultor en madeira, Buciños aproveitara a etapa madrileña para formarse no traballo co bronce. «Así medio en segredo, e como podía, fun aprendendo nalgunha fundición. Non era fácil, porque había moitas reservas e trabas para evitar a competencia». De volta en Ourense decatouse de que o bronce non estaba presente na escultura na cidade e escasamente en Galicia -«era un material moi caro e había que mandalo a fundir a Madrid, porque aquí non había onde facelo»-. E apostou polo que se converteu no seu material de referencia: montou unha pequena fundición na casa de Buciños e de aí empezaron a saír ás súas pezas. «Aínda que a primeira que fixen tívena que mandar fundir a Madrid», aclara. Non escapou da pedra, súas son as esculturas que coroan o García Barbón de Vigo,
e nas súas pezas tamén ten apostado polo diálogo entre o bronce e o granito. Coñecido pola súa faceta de escultor figurativo, tivo un romance maldito coa abstracción: «Ao pouco de vir da escola fixen unha peza e mandeina á Exposición Nacional de Bellas Artes, mostra que se facía anualmente en Madrid, no Retiro. Cando cheguei alí e vin que estaba colocada do revés decidín que non me entenderan e que o arte abstracto non era para min».
Buciños e Acisclo recibiron o pasado ano o Premio Otero Pedrayo: «Fíxome moita ilusión, porque o coñecín e era un personaxe encantador. Cando lle dixen de onde era, estamos falando dos anos 60, deume conta de todo. Lembrábase da nosa casa, da praza, dos castiñeiros e do cruceiro que están alí... e só estivera de paso un día que ía cuns amigos de camiñata. Había corenta anos ou máis que pasara por Buciños, pero tiña unha mente prodixiosa». Mantén o artista unha relación especial coa súa escultura da Praza do Correxidor e coa figura do patriarca das letras galegas. «Cando gañei o concurso para creala fíxome moita ilusión. Participei nas súas tertulias e leveino centos de veces a Trasalba, despois de conferencias ou de ceas aquí en Ourense, e ía de vagar para escoitalo máis tempo porque contaba unhas historias marabillosas e engaiolantes».
«O que tiña que facer na arte xa o fixen, agora hai que vivir o momento»
Baixa todos os días ao estudio a traballar: «Fago cousas pequenas e pezas que me encargan. Unha obra de dous metros xa me costa. É lóxico. O que tiña que facer na arte xa o fixen, agora hai que vivir o momento», recoñece. A sinatura de Buciños está espallada por toda Galiza e súas son obras como o simbólico Castelao de Pontevedra -tamén é seu o de Ourense-, A Rianxeira, o Monumento á Auga de Mondariz ou as figuras da Praza do Encontro, entre moitas outras. O grupo escultórico de Bouzas (Vigo) foi un encargo dun promotor ourensán que lle propuxo unha reunión de autores aos que lle tiña lei como lector «e alí están conversando Otero, Cunqueiro, Saramago e Valle-Inclán». Ten un especial recordo do Monumento ao Libro de Madrid. A peza, ubicada fronte á Biblioteca Nacional -no Paseo de Recoletos- foi inaugurada en 1984 por Tierno Galván. Artista comprometido, foi candidato nas primeiras eleccións e mantén amizade rexa co líder dos pesegos daquel tempo, Xosé Manuel Beiras.