«Na obra, a comida expresa os valores dos personaxes»

OURENSE CIUDAD

cedida

O auditorio municipal de Ourense acolle mañá, a partir das 20.30 horas, a obra titulada «Casa O?Rei», da compañía Ibuprofeno Teatro

21 mar 2018 . Actualizado a las 21:27 h.

O auditorio municipal de Ourense acolle hoxe, a partir das 20.30 horas, a obra titulada «Casa O’Rei», da compañía Ibuprofeno Teatro. O dramaturgo Santiago Cortegoso foi o autor do traballo que tamén dirixe.

-¿De que fala a obra?

-A comida é unha escusa. Os temas de que trata a obra son a familia e a morte. Fago un xogo a partir de Rei Lear, de Shakespeare. A min no me gusta dicir que é unha versión, é un texto orixinal meu que toma elementos do Rei Lear. É un home, con tres fillas, que ten unha casa de comidas moi sinxela pero que pasa a ser un gran restaurante. Cando o patriarca se pon malo e ten que deixar o negocio, establécese un conflito de sucesión.

-¿Que lle engade ás dúas obras anteriores que conforman a triloxía?

-Se complementan. O Furancho é moi cómica, social, crítica e de moito contido político. Raclette é máis urbana, moi ambienta nunha sociedade contemporánea e ten un ton de maior drama. E Casa O’Rei mestura o universal co local, esa forma que aquí temos de relacionamos en torno á comida. Son tres espectáculos moi diferentes nos que a comida vertebra todo.

-¿A historia xira en torno a unha mesa?

-A función empeza cun cocido. Se reúnen para falar e contan moitas cousas, pero tamén ocultan moitas; aí é onde empeza o drama e o interesante do teatro, o que non se conta. O pai fai o seu testamento, pero a comida é un gran conflito porque el deixoulles o restaurante ás fillas pero coa condición de que ofreceran os pratos de sempre e co bo produto de toda a vida. Cando chega do hospital, atópase con que as patacas son conxeladas. Aínda que hai moito humor no xeito de contar, realmente, aí empeza a traxedia xa que é como o rei que é traizoado. A comida é unha expresión dos valores que teñen os personaxes.

-¿Como envolveu este argumento no escenario?

- Foi un reto porque é o espectáculo máis grande que montamos nunca e nos tempos actuais, no que o mercado está tan contraído, meterse nun espectáculo destas características conleva certo risco. A escenografía é bastante grande, hai seis actores en escena e ten un deseño de luces bastante potente, pero temos moita ilusión porque creemos que o público demanda este tipo de espectáculos, e tamén lle dan presenza e prestixio ao teatro galego.

-E Caxade pon a música.

-Si, estamos moi contentos, e creo que é un dos grandes valores do espectáculo xa que a súa música é moi teatral, moi galega pero ao mesmo tempo contemporánea. Pega moitísimo coa obra.