Sofía non te enteras ou non te queres enterar

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE CIUDAD

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dubido Sofía se é, como se berraba o 8 de marzo en Ourense, que «non te enteras», ou simplemente que non te queres enterar, dos motivos que levaron a que se ateigaran de feminismo as rúas de sesenta cidades do noso país. Centos de miles de mulleres ubicadas detrás de pancartas universitarias, sindicatos, colectivos, ou dun grupo de compañeiras de traballo que a improvisaron na súa hora de descanso. Mulleres de toda idade e condición, traballadoras, desempregadas, pensionistas, que ese día nos arroupamos baixo un sentimento de solidariedade, nun recoñecemento mutuo, plural e colectivo. Unha xornada histórica na que descargamos os problemas aos que nos enfrontamos nos nosos postos de traballo, lembrando a esa amiga presa do «amor romántico» á que agora non recoñecemos, ou indignándonos porque haxa homes que seguen pensando que cando poñen a lavadora ou fregan a louza, o que están facendo é axudarnos.

Ninguén te apartou, fuches ti e moitas das túas compañeiras as que decidísedes situarvos fóra da nosa loita, colocarvos enfronte insultando ás que levan décadas loitando tamén, Sofía, polos teus dereitos. Porque cando te escondiches dentro da caverna esqueciches que se hoxe hai un área de Igualdade en Ourense e na maioría dos concellos, é pola loita incansable de moitas para ubicar este valor na axenda política, e que non foi por mandato divino que as mulleres chegaramos a ocupar postos de responsabilidade institucional, senón porque houbo quen no seu momento deu un golpe na mesa, sinalou cun dedo acusador, ou sostivo a mirada a moitos homes que seguían pensando que o noso lugar estaba na casa, e non nun escano. Por iso, Sofía, as túas declaracións xeraron tanta rabia e tristura incluso máis aló do Padornelo, e é por iso que moitas non podemos respaldar que sigas ao fronte da Concellería de Igualdade, porque iso sería tanto como dar o visto bo a que as ovellas as coide o lobo. Non é contra ti, é contra os e as que con esa mentalidade retrógrada nos levaron a que a loita contra a desigualdade vaia máis lenta do que quixéramos, que retrasaron a lei do divorcio, do aborto, e do matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Pero quero que saibas que este empuxón contra o machismo tamén o demos polas que pensan coma ti, porque da mesma maneira que agora celebrades o Día do Orgullo Gai, comezamos xa a ver que a esmagadora realidade será tamén quen de facer que postureedes co feminismo. Iso si, cando chegue ese momento lembrarémoslle ás máis novas que se conquistamos eses dereitos, foi unha vez máis, a pesar das que pensaban coma ti.