O paso do tempo

Ramón Nicolás

OURENSE CIUDAD

miguel souto

Mal mor é un libro dificilmente catalogable, inspirado nun Beckett

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:20 h.

En todos os sistemas literarios hai presenzas silandeiras e discretas, voces que traballan desde hai anos exhibindo unha fidelidade insubornable ás crenzas éticas e estéticas que defenden e que, talvez por abrazar un camiño desemellante e alleo ás tendencias, semellan invisibles, o que explica que as súas obras parezan non existir. Isto encaixa, ao meu xuízo, con Emilio Araúxo (Coles, Ourense, 1946), profesor que foi de Filosofía e fundador, no seu día, de dous selos editoriais como foron Noitarenga e Amastra-N-Gallar, onde acolleu pezas insubstituíbles na nosa lingua de Alain Badiou ou Natacha Michel, entre outras. Araúxo, ademais, foi creando un extenso currículo creativo en ámbitos diferentes como foron a fotografía, a poesía, a etnografía, a tradución ou a narrativa.

A este último xénero engadiu hai poucas datas a novela Mal mor: un libro dificilmente catalogable, senlleiro e desasosegante que afonda, da man da ficción pero ancorado fortemente no verniz antropolóxico e etnográfico, na vida cotiá dunha muller anciá que alenta no ámbito que lle é propio, isto é, o mundo rural de arestora. Araúxo inspírase, deste xeito, no Mal vu mal dit (1981), de Samuel Beckett, que protagonizara unha anciá, neste caso irlandesa e medio cega. A que ocupa as páxinas de Mal mor, innomeada porque é unha e é todas, vive irmandada á dor e ao sufrimento, á soidade e a algo así como a resilencia. Exhibe as limitacións físicas que se derivan do paso do tempo, sen darlle ás costas nunca nin ao telúrico nin á dependencia constante dos fenómenos atmosféricos que, dalgún xeito, determinan as súas angueiras e a súa propia vida. Todo isto expresado mediante unha voz narrativa operativa para describir e para contarnos o que buliga na mente da protagonista. De aí que o libro se constrúa cun discurso conciso e severo, orientado á subversión da sintaxe para estordegar os límites da linguaxe, articulando así un proceso de depuración tan intenso que devolve á palabra o seu sentido pleno: aquel que transmite con limpeza esa vida cotiá dura e triste, mais sempre digna, a través dos pensamentos e evocacións da protagonista que, desde o illamento, a fan testemuño do acabamento, talvez inevitable -«certa, a morte. Xa virá ela»-, dun modo de vida.

«MAL MOR»

AUTOR

EMILIO ARAÚXO

EDITORIAL

AXÓUXERE EDITORIAL

74 PÁXINAS

12 EUROS

AUTOR

EMILIO ARAÚXO

EDITORIAL

AXÓUXERE EDITORIAL

74 PÁXINAS

12 EUROS