Me consumes, Manolo

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE CIUDAD

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Odomingo de fai unha semana, en Vigo, naquel Vigo da reconversión, o cartaz da marcha tiña algo máis de esperanza e menos de tiracoios: «Para transformar a vida das Mulleres. Folga de Coidados, Laboral e de Consumo». No fondo, unha reconversión non é mais que un apaño para ir tirando, a cinta illante coa que se arranxa todo nunha fábrica; porén unha transformación é comezar cunha liña nova que se actualiza por si.

Este tempo é chegado, é transversal, é imparábel. O 82 % da poboación española cre que hai motivos para a folga, según un inquérito de Metroscopia. Non o crían así os partidos neoliberais e conservadores, que o vén como un ataque á súa liña de flotación. Os neoliberais incluso falan dunha folga a xaponesa -eu ese día traballo máis-, non saben o que din. En Xapón, traballar máis nunha folga, implica aumentar o stock dos almacéns, ter mercancia sen vender, é dicir, perder máis cartos que non faenando. ¿Que hai máis conservador que manter unha fenda salarial, unha alta temporalidade, e unhas altas dose de traballos a media xornada? A tradición de que o home esté por riba da muller mantense. Chegou o 8 de Marzo, e chegou coa verba que levaban nas rodas de prensa, o desborde. Cando borda o leite do cazo, por un segundo non sabes ben que facer, quedas pampo mirando como sube e rapidamente retíralo do lume. Este desborde das expectativas xenera a euforía que fai pendurar os cartaces feitos para este 8M na parede, evitando que rematen no lixo do cartón. No caso de Ourense, volveu a concelleira a mirar para o cazo, e non para o leite que bordaba. Xa lle aconteceu o ano pasado. Coido que non esta disposta para mirar pola súa área. «É que me consumes, Manolo», é a letania coa que Concha lle responde a Manolo nas parodias do LandRober. Unha grande verdade na postila. Os Manolos van consumindo ate o óso a vida das Conchas, elas miran polos fillas, polos netos, polos pais, polos sogros, e aínda por riba buscan un salario. Manolo, ben comido e ben durmido, aguántache moito sen traballar. Pero Concha dende este 8 de Marzo vai ser imparábel, e Manolo vai ter que mirar pola leite do cazo.