Alberto Canal: «No seu tempo Ourense era coñecida no mundo grazas a Benposta e ao seu circo»

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O escritor e xornalista centra a súa nova obra, «O trapecista da malla de rombos», na Cidade dos Muchachos

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Canal (A Merca, 1967) conta cunha nova entrega nas librarías. A novela «O trapecista da malla de rombos» (Xerais) centra a súa historia no desaparecido proxecto de Jesús Silva e recupera a filosofía de Benposta e do Circo dos Muchachos. A primeira das presentacións será, por expreso desexo, en Ourense e a cita terá lugar no Liceo o día 28 de febreiro.

-Por que optou por este cambio de rexistro tan radical?

-É certo que pasar dunha historia con escenarios en Polonia e Alemania, con temática da época do nazismo, a unha que se desenvolve en Ourense é un xiro importante.

-Con que se vai atopar o lector de «O trapecista da malla de rombos»?

-Coa historia dun rapaz de 10 anos, do casco histórico, que se ilusiona co Circo dos Muchachos cando o proxecto está dando os seus últimos pasos. E na novela aparecen mesturadas a ilusión, a utopía e a triste realidade: a que representan os maiores que queren pechar o circo.

-Por que elexiu Benposta?

-É unha cuestión de carácter emocional. O proxecto de Benposta naceu en terras de Allariz e Celanova, antes de vir para a cidade, e de neno, no meu pobo -en Corvillón- tiñamos un crego vencellado á iniciativa e viñan alí rapaces de moitos países e quedaban na rectoral. E un día explicoume que eran da escola do circo e que ían por todo o mundo cun circo de nenos. Logo, pasado o tempo, tiven algún contacto con Silva, pero cando marchei estudar a Madrid perdeuse. E causo en min un gran impacto o final dramático do circo.

-Iso marcou o proxecto?

-Foi o que lle deu corpo a algo que tiña pendente. O proxecto era unha iniciativa extraordinaria. No seu tempo Ourense era coñecida en todo o mundo grazas a Benposta e ao Circo dos Muchachos, e ata a cidade viñan investigadores de todo o mundo a coñecer esta experiencia. Que tivera sido de Benposta se, como o Circo do Sol, estivera nunha gran cidade?