«Que a biblioteca do colexio do teu pobo leve o teu nome é algo moi fermoso»

OURENSE CIUDAD

MONICA IRAGO

O escritor Ramón Caride mantén hoxe encontros cos rapaces do Virxe da Saleta e mañá será a inauguración oficial da denominación

25 ene 2018 . Actualizado a las 16:47 h.

A Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) fixéronlle en novembro un xantar de homenaxe os seus compañeiros do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Prexubilouse daquela e recoñecía que «sempre seguirei formando parte do Cabanillas», ao tempo que xa avanzaba o que ía ser a súa nova vida: investiría o seu lecer en escribir, viaxar, pasear e cociñar. Hoxe e mañá volve ao seu pobo e faino con satisfacción e co valor engadido do recoñecemento: o colexio Virxe da Saleta ten organizado encontros do autor cos rapaces e vaiselle dar o nome de Ramón Caride á biblioteca do centro. O acto oficial será mañá.

-Xa leva uns meses alonxado do ensino. Cumpre co anunciado?

-Si. De feito xa teño tres libros a piques de saír. Son dúas obras para o público infantil e unha para os lectores xuvenís que edita Xerais e que se presentarán nos vindeiros meses. E estou coa tradución de «Soños eléctricos» ao castelán. Neste caso a previsión é presentala na vindeira Feira do Libro de Madrid.

-Fanlle homenaxe no pobo.

-Presentei libros e participei en actividades e proxectos, aínda que nunca me fixeron ningunha homenaxe ou recoñecemento no meu pobo -Caride conta con varios premios, do Blanco Amor ao Risco ou o Merlín-. Que agora o faga o colexio é para min un orgullo e unha cita especial. E aprezoo moito, aínda que non fun alumno do centro.

-E iso?

-Daquela non existía o colexio. Estudiei na unitaria de Pereda e aos dez anos fun para Ourense. Fun dos últimos da unitaria, meu irmán -ao que lle levo catro anos- xa estudou alí no Virxe da Saleta.

-Como valora a homenaxe?

-Que o fagan uns compañeiros, os profesores do centro, e sexa en Cea dálle un significado especial e fai que sexa un honor para min ser obxecto do recoñecemento. E máis sendo un colexio tan dinámico, que desenvolve moitos proxectos e que ten acadado numerosas distincións.

-Vai manter tamén un encontro cos rapaces?

-Estarei na biblioteca mañá -por hoxe- para ter encontros cos alumnos dos diferentes ciclos. Falaremos dos libros que me marcaron, dos autores que coñecín e da miña experiencia coa literatura. Tamén levarei libros adicados por escritores coñecidos, de García Márquez a Manuel María, e outros «tesouros».

-A biblioteca manterá vivo o legado no seu pobo?

-Que leve o meu nome é algo moi fermoso, e para alí levarei as miñas obras, algúns manuscritos e outros materiais. O obxectivo é que os rapaces sintan e vivan, como eu no seu tempo, a maxia dos libros e da literatura.